Varapalo a Portos de Galicia ao facerse efectivo o acordo plenario, a proposta de Suma Ribeira, de prohibir o depósito de lodos nas inmediacións de Sálvora

O goberno do Estado dá a razón a Suma Ribeira e anuncia que non permitirá máis depósitos de áridos nas inmediación da Illa de Sálvora e informa de que se realizará un estudo de alternativas a este punto, que se viña utilizando -autorizado tanto dende o Ministerio como dende a Xunta- dende 1998, mais que atopou resistencia nos últimos anos dende as confrarías arousanas, sobre todo ante a previsión de Portos de Galicia do depósito dos áridos procedentes do Lérez.

Hai máis dun ano, Suma Ribeira levou a pleno unha proposición na que lembraba que se levaban depositados 5 millóns de m3 de lodos procedentes de diferentes dragados de Portos de Galica á entrada da ría máis produtiva do mundo, o que supuña un atentando ambiental nun lugar especialmente sensible (a Illa de Sálvora forma parte do Parque das Illas Atlánticas). A través do seu concelleiro, Xurxo Ferrón, convidaba a buscar alternativas menos dañinas para o medio e incidía en que era obriga das administracións dar con solucións respectuosas ambientalmente.

A proposta foi aprobada por maioría simple, logo de que o PP presentara unha enmenda que non contou co apoio do resto dos grupos, de tal xeito que, con data de 30 de setembro de 2019, o pleno da corporación municipal de Ribeira se comprometía a rexeitar o depósito de lodos procedentes de calquera actuación das Administracións sexa cal sexa o seu ámbito competencial. E para iso fará chegar as comunicacións pertinentes aos organismos administrativos que teñan algunha competencia na toma de decisión, máis concretamente Portos de Galicia, Consellería de Medioambiente, Xunta de Galicia e Goberno do Estado, onde se amose o rexeitamento ao depósito de lodos nas inmediacións da illa de Sálvora ou outro lugar da Ría da Arousa.

Para Suma Ribeira, o anuncio do Ministerio, malia o tempo transcorrido dende a aprobación da proposta, é unha boa nova e unha demostración de que o traballo teimudo da organización, ao carón da xente, acaba dando os seus froitos. Dende a organización, non obstante, farán seguimento das alternativas que se estuden co obxecto de que cumpran cos parámetros medio ambientais esixibles.

Suma Ribeira defenderá en pleno melloras na mobilidade e accesibilidade para garantir a integración real de todas as persoas

Suma Ribeira levará ao próximo pleno unha proposición co obxecto de que a corporación municipal adquira compromisos concretos, con partidas orzamentarias explícitas, para á mellora da mobilidade e acessibilidade no concello, xunto cun compromiso de auditoría periódica dos investimentos executados neste campo.

Suma Ribeira, a través de seu concelleiro, Xurxo Ferrón, presenta esta iniciativa “dende o convencementode que son necesarias medidas concretas, non só xenéricas, de cara a procurar a equiparación de dereitos que permita falar dunha integración real das persoas con discapacidad e en todo o municipio, e a prol do principio de igualdade de oportunidades”.

A proposta de Suma Ribeira recolle unha serie de actuacións concretas coas que solventar unha lexislación e principios básicos “que se veñen amosando insuficientes para que quen ten discapacidades vexa diminuir as diferenzas no cotián con quen nos as padece”.

Entre estas medidas, cómpre salientar:

1. Firme compromiso de cumprir “o nivel cero” en todos os pavimentos de nova construcción, así como arevisión e posterior adaptación dos existentes.

2. Aplicación firme da actual Lei de Accesibilidade, que imposibilite a exclusión de ningunha veciña a establecimentos públicos ou privados, independentemente do estado da súa discapacidade

3. Revisión de ramplas invasoras nas vías públicas

4. Revisión das baixantes de todas as beirarrúas e que sexan dotadas todas dun sentido de retorno

5. Sinalización das entradas de garaxes con cambios de pavimentos ou sinais fluorescentes para unha maior autonomía das persoas con problemas visuais

6. Revisión dos pasos de peóns e estudo do pintado de sinalización con pictogramas nos pasospróximos aos colexios para a integración das persoas autistas ou con discapacidade intelectual

7. Incorporación de semáforos acústicos

8. Incorporación de vehículos adaptados no transporte público

9. Favorecer o acceso ás praias, incorporando tamén mecanismos que fagan efectivo o goce do baño paraas persoas con mobilidade reducida. Valorizar os areais do municipio como Destino Turístico de Integración

10.Revisión de parques infantís, incorporando mecanismos e xogos adaptados a todos os grupos infantís

11.Potenciar rutas de sendeirismo inclusivas e adaptar sempre que sexa posible as rutas xa existentes

12.Adquirir libros para as bibliotecas adaptados a todo tipo de lectores

13.Avanzar no superación do cumprimento, máis do legalmente establecido, das prazas de emprego reservadas a estes colectivos.

15. Inclusión nos orzamentos dun capítulo que explicite a cantidade e porcentaxe do investimento en infraestructuras adicadas á diminución de barreiras á accesibilidade.

16. Mención explícita no Informe de Intervención Anual da Conta Xeral do orzamento executado nadiminución das ditas barreiras.

Para Suma Ribeira, estas medidas contribuirán a instaurar de forma progresiva e real o principio de igualdade dos servizos, para xerar unha maior autonomía persoal universal, minorando as dificultades comparativas que teñen que afrontar nestes momentos as persoas con disfuncionalidades.

*Adxuntamos texto íntegro da Proposición:

Nos medios:

O Barbanza

Suma Ribeira celebra o Día da Terra coas alegacións presentadas ao PRUX

Ribeira, 22 de Abril de 2021.- Suma Ribeira fixo públicas hoxe en rolda de prensa as alegacións presentadas ao PRUX do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, conscientes da necesidade urxente de protexer e conservar o entorno, mais convencidos de que esta conservación precisa de consensos entre as distintas forzas políticas, diferentes colectivos, veciños/as e afectados/as polas propiedades colindantes ao Parque. 

O concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón lamentou, neste sentido, que durante o proceso de exposición pública do Plan non fose posible chegar a unhas alegacións consensuadas entre todas as partes, malia a petición expresa feita ao equipo de goberno que, segundo informou Ferrón, respostou que xa estaba o traballo o suficientemente avanzado.

Ante a situación, Suma Ribeira, logo dun proceso participativo coa xente, rexistrou un total de 6 alegacións, entre as que salientou a relativa á Canteira de Casalnovo, pois semella unha “incoherencia” co propio texto do PRUX, explicou o concelleiro, que se pase de puntillas sobre o impacto negativo da mesma no Parque e, sen embargo, si se fale do impacto que provocan outras instalacións industriais na zona.

Asemade, para Suma Ribeira, non é de recibo que “o poder político decidira, porque os técnicos si que falaron do tema -asegurou Xurxo Ferrón- que non apareza ningunha previsión sobre o tempo de concesión que aínda ten a canteira nin sobre o seu futuro peche”. De aí que a primeira alegación desta agrupación política sexa “que se utilicen todas as ferramentas legais para o cese definitivo da actividade o antes posible e que se proceda á restauración da zona”.

Xunta Reitora

Marián Santos, membro desta mesma agrupación política, tomou a palabra para reiterar a importancia de que se teña en conta a opinión de todos os/as veciños á hora de regular os usos do Parque e a necesidade de diálogo para que todo o mundo perciba este complexo como o que é, “un dos mellores espazos que ofrece o concello, que debe poder ser disfrutado por todos e todas por igual”.

Para garantir este diálogo, Santos referiuse a outra alegación de Suma Ribeira, que pide a ampliación da Xunta Reitora a todos os partidos políticos que teñen representación no concello, así como a diferentes entidades e grupos interesados.

Reclamou tamén que se inicie unha quenda de contactos cos propietarios para sondear a posibilidade de que as propiedades afectadas polas restricións poidan pasar a ser públicas e advertiu sobre o orzamento previsto para o desenvolvimiento do PRUX, “pois 10 millóns de euros para un Plan a dez anos, semella unha cantidade insuficiente”.

Día da Terrra

Por último, Manuel González, membro tamén de Suma Ribeira, lembrou que hoxe que precisamente é o Día da Terra “debemos esixir ferramentas para sensibilizar a todo o mundo de que o Parque é a nosa xoia da coroa, que debe ser protexida pero tamén pode ser aproveitada para obter unha rendibilidade para veciños e veciñas dentro da economía verde”.

Neste sentido, fixo referencia á alegación na que reclaman que se “elabore un estudo de viabilidade dun Plan Estratéxico que serva para reactivar e revitalizar a economía da zona e a creazón dun selo de excelencia de produto natural do Parque dunar”.

As alegacións de Suma Ribeira complétanse cunha suxestión para que haxa unha regulación específica de acceso ao duna que minore as restricións respecto dos visitantes que non son veciños das zonas colindantes e que a explotación do recurso marisqueiro do Río do Mar se faga ao amparo das Confrarías da Bisbarra e estea suxeita a un Plan de Explotación debidamente autorizado polas autoridades competentes na materia.

A Duna sen canteira

<<Nos escasos quince días concedidos para presentar alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (PRUX), non son poucos os comentarios críticos e reivindicativos que se deixan escoitar nos distintos medios de comunicación. A abordaxe de temas complexos, este sen dúbida o é, non se pode nin debe facer dun xeito sinxelo e rectilíneo, e aínda máis cando se propón o establecemento regrado de limitacións ao exercicio de actividades tradicionais ás veciñas e visitantes, así como limitación a dereitos das propiedades. A xustificación vén dada pola necesaria protección integral dun entorno excepcional de grande diversidade, riqueza e peculiaridades medioambientais. Inequivocamente, a súa cualificación e protección vén sendo avaliada pola comunidade científica dende hai xa moitos decenios nacional e internacionalmente.

Considero importantes e necesarios os debates, diálogos e negociacións sosegadas que deben preceder á imprescindible regulamentación dun espazo natural protexido. Mais isto, segundo o sentir xeneralizado, non se fixo. Aos responsables da elaboración deste PRXU, temos dereito a reclamarlles que uns mínimos de sensibilidade e pedagoxía acompañen o seu traballo. Ao meu entender, co amosado até agora, non os tiveron. Na miña opinión, é un ilustrativo e paradigmático exemplo de ausencia de obxectividade, equidade e coherencia política someter a exposición pública este plan de ordenación natural permitindo unha inxustificada omisión: A Canteira de Casalnovo.

A omisión no texto á necesidade urxente de iniciar un procedemento legal de erradicación e rexeneración da incompatile CANTEIRA, supón un menosprezo ao necesario equilibrio esixible no PRXU, que descarga todo o esforzo nas esixencias a moitas veciñas e veciños, solidario e xeneroso esforzo da cidadanía coa natureza. E supón alentar o sentimento de incomprensión e burla das persoas máis afectadas. É unha loucura por omisión premeditada. Eternizando unha causa de ocaso e menosprezo do Parque que semella ser intocable. Negando credibilidade á ferida. Alleos á necesaria busca da balanza e a razón do equilibrio no tratamento dos perigos reais e potenciais.

Mestura de ruídos atronadores escorrentadores de animais, unha marfallada de ferros, formigón, po e pedras esnaquizadas. Vergoña ambiental indisimulada. Fendedura no monte ferido. Atranco obxectivo para acadar mellor cualificación como Parque Natural. Desprezo político (de tan lamentable actualidade) ás achegas científicas. Obstáculo ao turismo de calidade. “Que cosa fuera – corazón- que cosa fuera, que cosa fuera LA DUNA sin cantera”. Con canteira nunca será un verdadeiro Parque Natural. Desculpas pola torpe filtración desta miña etapa de procura de apoio emocional en Silvio.>>

Xurxo Ferrón | Concelleiro de Suma Ribeira

Nos medios: https://obarbanza.gal/2021/04/a-duna-sen-canteira-xurxo-ferron/

Suma Ribeira convida a participar no Día da República, que este ano nomeará Republicana de Honra a Aurora Marco

Suma Ribeira súmase ao convite da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, que celebrará mañá sábado día 17, ás 18 horas, no Monumento ás Vítimas do Franquismo situado no Confurco (Lousame) unha serie de actos polo Día da República.

Dende Suma Ribeira, facemos un chamamento á participación neste evento, que declarará Republicana de Honra 2021 a Aurora Marco, profesora, investigadora e ensaísta galega.

A xornada contará coas actuacións musicais do grupo Barahúnda e da gaiteira Bety Pillado e durante a mesma haberá tamén tempo para o recitado de poemas.

Definamos entre todas o Plan de Usos do Parque Natural de Corrubedo

O Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un dos valores patrimoniais de máis riqueza cos que contamos. Unha boa xestión do mesmo é fundamental para a súa conservación e desfrute de todos e todas.

Nestes momentos, está aberto o prazo de exposición pública do Plan Reitor de Uso e Xestión do mesmo, un Plan que chega con 30 anos de retraso pero que se fai urxente e necesario para evitar o deterioro que segue a sofrer a duna e garantir a convivencia respectuosa entre turismo e veciños.

Dispor do Plan que o Parque precisa obxectiva e realmente, alén de intereses de parte que nada teñen a ver coa conservación do medio, é responsabilidade de todos e de todas; por iso, animámosvos a que botedes un ollo a través da web do concello www.ribeira.gal e/ou deixedes no noso correo as vosas ideas de cara á presentación de posibles alegacións.

O compañeiro Manuel González González fixo os deberes e esta é a súa achega.

Harmonía

Harmonía, palabra que pode resultar poética, pero tamén pode servir para definir a
intervención nun terreo de alto e sensible valor ecolóxico para poder rendibilizalo –
non explotalo- de maneira social, económica e cultural.

Refírome en concreto ao Parque Natural das dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. O próximo ano 2022 cúmprense trinta anos da conversión desta contorna de preto de mil hectáreas en Parque Natural. Naquel momento, a decisión causou unha grande preocupación entre a veciñanza, non exenta de polémica, polo efecto restritivo que impuñan as normas reguladoras de conservación do Parque.

Os propietarios dos terreos afectados, sentíndose agraviados nos usos e costumes no manexo do que era seu, mesmo formaron unha asociación para defender as súas propiedades. Tamén as zonas perimetrais víronse afectadas polas normas. Falouse dalgún proxecto urbanístico nas inmediacións da praia do Vilar ou do emprazamento dun cámping, xunto con límites á construción e a determinados usos que a veciñanza facía libremente no territorio, como a corta de xunco, de árbores de ribeira, limpa e estancaxe dos ríos, caza e pesca, uso de maquinaria. Todo isto, máis a libre circulación de animais salvaxe, algúns tan perigosos como o «paxaro da morte» que, segundo os máis supersticiosos, na casa que se pousaba á noite atraía á parca, foi creando un rexeitamento visceral que aínda perdura hoxe.

Estes días que está a exposición pública o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque
para quen queira facer alegacións ao mesmo ou propostas, eu faría a seguinte, dirixida
ao Consello Galego de Medio Ambiente, á xunta reitora e ao concello de
Ribeira: HARMONIZAR o territorio de tal xeito que se rendibilice o terreo para
que todos e todas as veciñas se sintan beneficiadas, partícipes e orgullosas de vivir
ao carón dun entorno idílico e natural coma este.

E como do idílico só non se come, habería que plasmar nun proxecto unha Marca Propia do Parque como selo de garantía das excelencias da produción que se faga. Iso si, tendo como valor engadido a economía verde ou natural, grazas a actividades que sexan compatibles coa contorna a protexer, como a apicultura, a extracción de resina, bosques comestibles, árbores microrizadas con setas, agricultura e gandeiría controlada e ecolóxica, turismo cultural e non masificado, obradoiros e charlas temáticas así como obras de rehabilitación do rural e unha che de cousas que poden revitalizar a economía da zona co amparo político e económico e a tutoría dos gobernos municipal, autonómico, central e europeo.

A arte de vivir en harmonía coa natureza significa vivir en paz coa contorna, cun mesmo e
coa comunidade global.

A voltas cos enganos sobre o Auditorio e tenso debate sobre a memoria histórica

A pasada sesión plenaria deu de si, alén da nosa proposta, os seguintes debates e a nosa posición ante os mesmos:

Crédito Extraordinario. Malia ás «chantaxes» do alcalde, Manuel Ruíz, dende Suma Ribeira abstivémonos á proposta dun crédito extraordinario de 400.000 euros para dotar ao concello da necesaria pista cuberta de atletismo. Xurxo Ferrrón afirmou que tomaban esta decisión como exercicio de responsabilidade cara á cidadanía, pois o proxecto desta infraestructura, que pagaría en maioría a Xunta (600.000 euros) no se deu a coñecer ao grupos até esta mañá, sen tempo para analizala dun xeito rigoroso.

Novo Auditorio. Xurxo Ferrón lamentou ter que votar en contra desta iniciativa mais denunciou a serie de «enganos encadeados» que se levan producido respecto do proxecto, pois na Memoria se indicaba que sería dunhas dimensións para representacións de medio e grande formato e a realidade vai ser ben diferente. Ferrón lembrou que os e as profesionais de artes escénicas non avalan tampouco as novas previsións para esta infraestructura tamén moi necesaria para o concello.

Outros temas. Un tenso debate sobre a memoria histórica; o acordo unánime para que se concrete a transferencia da AP-9 a Galicia, así como a rebaixa das peaxes; a modificación da nova ordenanza de saneamento ou a recuperación da contorna do sendeiro no río Pedrín foron outros dos asuntos que centraron unha longa sesión, que se prolongou até as 00.00 sen completar a orde do día.

Transparencia na web do concello grazas a Suma Ribeira

Suma Ribeira sumou un novo logro no pasado pleno municipal de cara a garantir a transparencia na xestión de goberno, ao ser aprobada a nosa proposta para asegurar a trasparencia e accesibilidade da información a través da páxina web do concello.

A nosa proposta acorda a creación duna Comisión, que estará integrada por todas as forzas políticas e que contará tamén con achegas dos veciños e veciñas, que dote dun Regulamento ao concello que dea garantías aos cidadáns do cumprimento da Lei de Transparencia, tamén no ámbito da información a través das redes.

A iniciativa xurdiu logo de denunciar Xurxo Ferrón a falla de datos sobre as empresas beneficiarias do Plan de Axudas pola Covid, entre outras eivas. Información que, efectivamente, foi corrixida, pero días despois da entrada en rexistro da nosa proposta.

Intervención de Xurxo en IGTV ou na páxina de Facebook

Camiños para pasear, non para rozar

SumaRibeira vén de reclamar aos concelleiros de Medio Ambiente e de Mobilidade a limpeza do camiño que vai dende o final da pista asfaltada do Sego ata o río Sanchanás, na parroquia de Artes, pois nestes momentos atópase nun estado de importante abandono, malia ser un paseo transitado con frecuencia por veciños e veciñas, sobre todo con bo tempo.

SumaRibeira, a través do seu concelleiro Xurxo Ferrón, presentou un escrito ao concello para que acometan con urxencia estes traballos de acondicionamento, pois non é de recibo que dous anos despois de ter intervido ese espazo para que poidera ser utilizado de enlace peonil pola beira do río, estea cuberto de herba e maleza, o que dificulta o seu uso, nomeadamente ás persoas que pola sua condición física teñen dificultade de movemento.

Para SumaRibeira, esta situación amosa desleixo das concellarías responsables, pois o seu labor non é só de acondicionar camiños, senón que logo debe facerse tamén un traballo de coidado e mantemento.

A iniciativa, explica Xurxo Ferròn, foi ben acollida polo equipo de goberno, que se comprometeu a acometer os traballos necesarios á maior brevidade, mais dende SumaRibeira estaremos vixiantes para que, efectivamente, este compromiso se cumpra e axiña se poida circular polo paseo sen problema.

Nos medios:

O Barbanza.gal