Club de Remo, un debate con ruído

Comezamos esta semana co horizonte dun mes de Xullo que remata en algo máis de dez días co último pleno deste período, alomenos pleno ordinario. Un balance rápido fainos lembrar sesións lamentablemente broncas pola nula capacidade do grupo de goberno para a negociación e o consenso, mais tamén polo enrocamento dalgunhas forzas, en moitos casos por pura estratexia dunha política que non compartimos, a de «ser os únicos, os mellores, os primeiros» na defensa dos intereses de todos e todas as veciñas de Ribeira; obxectivo último ao que nos debemos, alén de carreiras e «podiums».

Fica pendente de debate a nosa proposta sobre os Orzamentos Participativos, que se suma á orde do día do pleno do próximo día 26. Agardamos que, alén do sentido do voto, as posicións de todos os grupos fiquen claras, con argumentos nídios e axustados ao tema, non con reducionismos que sirven para o aplauso doado pero que alarman á xente e agochan o debate real sobre certas propostas. Non temos ningún interese en polemizar, pero certas simplificacións no discurso obrigan a desmarcarnos de implícitas acusacións de «obstrucionismo».

Falamos, concretamente, do ruído xurdido entorno á nosa abstención á emenda á totalidade do PP a unha proposta do BNG sobre as Instalacións municipais para os Deportes Náuticos, que acollerá ao Club de Remo. Ficamos francamente sorprendidos coa reacción que algunhas persoas nos fixeron chegar, contrariadas por non ter dado para adiante a un proxecto sobre o que, a día de hoxe, só temos unha certeza, que xa non se vai facer en Aguiño, tal e como defendimos as distintas forzas até o de agora, en consonancia cos intereses dos usuarios e usuarias do Club.

Tentamos dar cumprida resposta e, por se for o caso de non ter ao día a información sobre o futuro de ditas instalacións, voltamos preguntar no concello sobre o suposto proxecto a debate, o documento coa «previsión e memoria de gasto valorada» da que informou o alcalde durante a sesión e da que este grupo non ten constancia. Documento que reclamaremos por escrito toda vez que as respostas verbais nos confirmaron que, polo de agora, non hai nada pechado ao respecto salvo, como xa dixemos, a vontade explicitada polo rexidor, Manuel Ruiz, en Xunta de Voceiros, de que a ubicación xa non será en Aguiño.

Suma Ribeira, por tanto, non dixo nin dirá nunca Non ao Club de Remo, nin entorpecerá ou contribuirá nunca á súa demora, simplemente se mantén fiel:

– Á súa folla de ruta de tentar descentralizar servizos do núcleo da vila para dar equilibrio a todas as parroquias do concello

-Ao votado até o de agora e aos intereses expresados por usuarios e usuarias, que manifestaron sentirse cómodos en Aguiño

– Á súa praxe de ter todos os datos e elementos que permiten un xuízo responsable e acaído sobre un proxecto antes de votar a favor ou en contra. Non é o caso, polo momento, das Instalacións municipais para Remo. Do que se falou o pasado 28 de Xuño foi máis dun «desideratum» -que, como tal, Suma Ribeira estaba disposta a apoiar- que dunha realidade plasmada nun estudo e proposta técnica, debidamente orzamentada. Por desgraza, temos demasiado reciente a experiencia bochornosa do Auditorio como para cometer a torpeza de caer dúas veces na mesma pedra.

Foto La Voz De Galicia

Do mesmo xeito que non nos apuntamos un tanto nin vendimos como grande logro a nosa proposta sobre un Plan de dotación de Recursos Esenciais para o concello -que si foi aprobada- porque non é a nosa maneira de actuar e porque somos conscientes de que o seu respaldo foi un brinde ao sol, pois tanto o grupo do PSOE como do PP deixaron claro que era irrealizable, cremos que hai que ser igual de honestos e responsables con este debate tan importante, e explicar ben á cidadanía que o que se puxo enriba da mesa foi fume, foi comezar a casa polo tellado, discutir sobre unha partida orzamentaria (ben vía Crédito, para o BNG, ben vía Orzamentos para o PP) para un proxecto sobre o que non coñecemos aínda as características, renunciando, iso si, tras o fracaso do proxecto previsto en 2019 a conta da venda do Matadoiro, a que se manteña en Aguiño, por supostos problemas coa confraría.

Somos conscientes das deficiencias, precariedade, estado calamitoso do Clube, que coñecemos incluso de primeira man porque moitos membros de Suma Ribeira teñen familiares entrenando. Somos sensibles ás súas demandas e estamos certos de que urxe darlles unha solución, mais dende o rigor dos feitos e a responsabilidade política á que nos debemos ao estar a falar de cartos públicos. Estamos comprometidos, ademais, coa defensa e proxeción de todos os deportes, especialmente cos considerados minoritarios. Agardamos que con esta exposición fiquen despexadas todas as dúbidas, mal intencionadas ou non, ao respecto da nosa posición e sigamos loitando polo futuro do Club de Remo todas xuntas lonxe do ruído, ao carón dos feitos.

Suma Ribeira urxe a resolución definitiva sobre o “inaceptable” peche perimetral nunha finca de Areeiros

Suma Ribeira urxe que se proceda canto antes a emitir resolución administrativa sobre o peche perimetral, supostamente ilegal, realizado nunha finca de Areeiros, en beneficio da defensa do principio de legalidade para todas as administradas.

Esta organización agarda, tamén, que se axilice, en consecuencia, a recuperación dos terreos de dominio e uso públicos en beneficio de todas e todos. (A finca linda polo leste coa mesma liña de Dominio Público Marítimo Terrestre, polo sur cun camiño público, e polo oeste coa Rúa do Mar).

Cómpre lembrar, explica o concelleiro, Xurxo Ferrón, que este é un tema que Suma Ribeira vén seguindo de preto, co compromiso de dar resposta e informar aos veciños e veciñas da zona da situación do expediente, “pois nos fixeron chegar a sua preocupación e algúns interrogantes”.

Foto obarbanza.gal

Neste sentido, Ferrón recorda que o pasado 6 de maio se lle transmitíu ao concello a decisión tomada polo Servizo de Urbanismo da Xunta de <incoar un Expediente de Reposición da Legalidade, e requirir aos responsables das obras e instalacións para que procedan a corrixir a situación creada pola comisión de infracción>. “Segundo se nos informou, o particular denunciado disporía de quince días hábiles para presentar alegacións, e o Servizo de Urbanismo da Xunta de Galicia debe emitir resolución nun prazo máximo dun ano”.

Para SumaRibeira, segundo a decisión de Urbanismo da Xunta, o peche realizado sen as preceptivas licenzas do Concello de Ribeira, Demarcación de Costas do Estado en Galicia e Xunta de Galicia, non respectou en absoluto as distancias mínimas legais en ningunha das tres liñas que o compoñen. “Esta invasiva e presuntamente ilegal actuación tivo como resultado a realización dun inaceptable peche que lamentamos e rexeitamos, que requirirá de importantes rectificacións para a reposición da legalidade, que agardamos e desexamos se realicen canto antes”.

Foto obarbanza.gal

Por se fora de interés, adxuntamos unha cronoloxía dos feitos:

O día 27 de abril de 2020, SUMA RIBEIRA presentou no Concello escrito solicitando información sobre o peche dunha finca que se estaba a realizar na rúa Río do Mar. Salientar que este é o primeiro escrito que figura no expediente do concello.

A data da presentación pola propiedade da “Comunicación Previa” no Concello é o 05/05/2020

O arquitecto municipal informa de que as obras remataron o día 15 de maio, e que a “comunicación previa” sen a preceptiva a autorización de Costas de Galicia e do Estado carece de toda validez. Tamén informa de que se trata de obras sen autorización municipal, e que o peche que deslinda a parcela do vial municipal (norte) non se axusta ao aliñamento oficial, invadindo espazo público en boa parte da súa directriz. O peche que deslinda o lado oeste con camiño público non garda o afastamento, sinalando ademais que obstrúe a zona de servidume de Costas.

Visto o expediente da obra en sede municipal o 16-06-21 se constata:

– O 26-05-2020 o concello envía escritos á Demarcación de Costas do Estado e ao Servizo de Urbanismo correspondente da Xunta.

– O 20-10-2020 a Subinspección Urbanística da Xunta (APLU) levantou acta da obra.

Suma Ribeira agarda un pleno menos bronco no que Manuel Ruiz pida desculpas e saian adiante as propostas de Orzamentos Participativos e dun Plan Integral de servizos

Suma Ribeira levará ao próximo pleno unha proposición reclamando que se aprobe a elaboración de Orzamentos Participativos no concello mais a iniciativa que ficou pendente de debate da sesión anterior, na que esta formación reclama un Plan Integral e Equilibrado de dotación de servizos esencias en todo o municipio.

A través do seu concelleiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira agarda que desta volta a sesión transcorra dun xeito menos bronco e máis produtivo para as veciñas e veciñas, con debates sosegados e democráticos que permitan sacar adiante acordos que beneficien a todas as ribeirenses.

Neste sentido, Ferrón fai especial fincapé na «desafortunada» intervención do alcalde, Manuel Ruiz, no pleno anterior; quen, contrariado polo rexeitamento da adxudicación  do concurso para a explotación das EDAR de Couso e Corrubedo, amagou coa ameaza de “estudar as posibles responsabilidades legais” nas que puideran ter incorrido BNG e PBBI por votar en contra».

«Moi raro sería que en democracia se sometese a votación algo que fose ilegal que se votase en contra -ironizou Ferrón- a non ser por afectar persoalmente intereses dalgunha concelleira. Aínda máis raro sería que estando presente o secretario do concello non advertise de tal condicionante legal antes da votación».

«Raro tamén nos parece -continúa o concelleiro- que unha persona licenciada en dereito e que leva máis de trinta anos de dedicación á política pensara que podería ter o máis mínimo sustento legal o exabrupto proferido en Pleno, que en nada contribúe a crear un clima de diálogo e razoable entendemento».

Para Suma Ribeira, logo de ter a precaución de consultar o evidente, pódese afirmar que o «lamentable» comentario realizado polo alcalde non ten o máis mínimo sustento legal, polo que agardan que pola saúde democrática da institución á que representan non se volvan repetir expresións semellantes. Así mesmo, sería desexable que, tanto neste caso como de volver a aconter por algún tipo de «descontrol racional», se pedisen as convenientes desculpas.

Orzamentos Participativos

En canto á iniciativa que Suma Ribeira defenderá co obxecto de implementar unha proposta de Orzamentos Participativos, co seu regulamento correspondente, a idea é que poidan ser unha realidade xa no próximo ano 2022.

Xurxo Ferrón lembra que  no programa electoral de SumaRibeira, así como no de outras organizacións políticas, figuraba esta proposta, de tal xeito que, chegados ao ecuador do mandato, “cremos conveniente retomalo, pois entendemos que, entre outros motivos, poden contribuír a unha maior implicación das veciñas e veciños na política municipal. E mesmo poden axudar a que, en acepción xenuína do termo, esta política municipal sexa máis democrática”. 

Para Suma Ribeira, é probable que ao falar de Presupostos Participativos Municipais haxa matices e interpretacións diferentes, tanto nos grupos políticos que conforman o pleno como entre os propios veciños e veciñas. 

Neste sentido, Ferrón aclara que a proposta que presentan vai encamiñada cara o modelo de participación directa (Porto Alegre), desenvolvido fundamentalmente en Portugal, España e Italia. Porén, considera que  sexa a que sexa a proposta que saia finalmente do pleno, “a introdución na práctica da participación cidadá nunha parte dos nosos presupostos sempre terá resultados positivos”. 

O concelleiro de Suma Ribeira considera que cómpre implementar esta praxe política o antes posible e “autoimpoñernos” os membros da corporación que se faga efectiva neste mesmo mandato, de aí que reclame a adopción dos seguintes acordos:

1.- Creación dunha comisión para a elaboración dunha proposta de regulamento de Presupostos Participativos.

2.- Establecer un período de alegacións aberto ás veciñas. 

3.- Aprobación polo pleno dun Regulamento de Presupostos Participativos coa antelación suficiente para que se fagan realidade no 2022. 

*Adxuntamos texto íntegro da proposta

Coidar o que o noso, coidar o que é vida

Hoxe é o Día Mundial do Medio Ambiente e nunha semana cumpriránse dous anos dende que Manuel Ruiz, voceiro do PP, tomou o bastón de mando do concello de Ribeira. Son tempos de balances nos que a Covid está servir de coartada para non avaliar coa triste obxectividade que merece a pésima xestión do goberno no tocante á maior parte das demandas dos cidadáns e cidadás aos que se debe.

Non son doados os acordos -a negociación- como se puxo ben de manifesto na reciente sesión plenaria, e non hai unhas prioridades coherentes coas necesidades urxentes do concello, non só dun dos seus grupos políticos, dalgúns concelleiros e dalgúns lugares moi concretos do municipio, deixando prácticamente no abandono a boa parte das parroquias.

Suma Ribeira chegou á casa consistorial con varias teimas que, a base de compromiso e constancia, algo de ruído van facendo, van deixando a sua pegada. A transparencia e a participación son algunhas delas, mais tamén a preservación do medio, conscientes de que é unha obriga universal e de que, en municipios como o noso, coa súa riqueza verde e azul, é unha obriga prioritaria e esencial.

Vista da canteira ainda activa preto do complexo Dunar de Corrubedo

Estes dous años veñen a demostrar, sen embargo, que non está no espírito do equipo de goberno practicar unhas políticas de Medio Ambiente que prioricen a súa protección e recuperación fronte a outros intereses, e boa proba disto tivémola hai uns meses co proceso de alegacións ao Regulamento de Usos do Parque Natural de Corrubedo, a xoia da coroa, podiamos dicir, de Ribeira e de Galicia.

Seguimos observando con estupor como o proxecto de Paseo marítimo entre Insuela e Gaivotiñas vai para adiante, malia os estragos que vai ocasionar na contorna, na flora e na fauna e malia existir xa camiños naturais para enlazar a zona, que só precisarían de acondicionamento e serían moito máis respectuosos co medio que a intervención prevista de cemento armado.

Praia Insuela

O mesmo acontece co proxecto aprobado sobre o Paseo da Praia de Castiñeiras-Praia de Mosqueiros, que inclúe unha contrucción dun muro de formigón de altura considerable, que conlevará importante impacto ambiental e paisaxístico (vai enriba dunha zona rochosa).

Outra vista da praia

Semana si e semana tamén, recibimos imaxes e queixas de veciños e veciñas, nomeadamente do rural, fartos da situación de abandono de camiños e terreos, que provocan graves perxuízos tanto para a vida diaria como para desenvolver calquera actividade agrícola.

Os vertedoiros incontrolados son outras das constantes nas nosas denuncias e nas das cidadás, sen que se lles teña posto freo ata o de agora.

Vertedoiro de Xaras

Suma Ribeira somos unha formación construtiva e positiva, non queremos caer no derrotismo e queremos confiar en que co tempo que fica de lexislatura a situación vaia mudando paseniño. Dende logo, con ese espírito seguirá traballando o noso concelleiro Xurxo Ferrón a todos e todas nós.

A Covid foi unha chamada de atención sobre a nosa vulnerabilidade, individual e colectiva, como sociedade que se cre moitas veces por riba da nai natureza. Trouxo consigo, tamén, novas formas de contaminación, pola falla de conciencia ecolóxica que moita xente sigue a ter e pola falla dun sistema verdadeiramente eficaz de eliminación de residuos. Por iso, a ONU decidiu adicar este 5 de Xuño a reformular a regra das 3 R e falar de Reimaxinar, Recrear e Restaurar, convencida de que coa restauración dos ecosistemas poderá previrse o 60 por cento da extinción das especies prevista, por exemplo (cunha 15 por cento de terras transformadas), e nunha década será posible manter o quencemento global por debaixo dos 2ºC, o necesario para suavizar o seu impacto.

Nas nosas Mans está coidar o que é noso, coidar o que é e dá vida.

Resaca Plenaria

Bochorno. Iso é o que sentimos na pasada sesión plenaria, da que aínda nos estamos a recuperar. Bochorno e non porque por fin parecera que chegou o verán, con temperaturas abafantes, senón polo triste espectáculo ao que asistimos, tanto todas as que conformamos Suma Ribeira como calquera cidadán e cidadá que estivera a seguir os debates por streaming.

Ben é certo que a estas alturas da lexislatura e coñecendo como coñecemos o talante do grupo de goberno, nomeadamente do seu alcalde, Manuel Ruiz, xa nada ou case nada debía collernos por sorpresa. O pasado luns será unha xornada que lembraremos como un dos días nos que contribuimos a «escribir a política en minúsculas», como ben dixo o noso concelleiro, Xurxo Ferrón.

Efectivamente, non é unha estratexia nova por parte do PP a de tentar ningunear o traballo da oposición emendando con brindes ao sol boa parte das nosas iniciativas e facéndoo, ademais, coa táctica de apurar os prazos ou incluso non respectalos. Ferrón explicouno moi ben, agardar ata o último momento para rexistrar as emendas é legal, mais non responde á que debera ser unha boa praxe política, a de construír, a de buscar o diálogo dos grupos, a negociación para entre todas acadar as iniciativas que mellor dean resposta ás necesidades dos veciños e veciñas.

No caso concreto da proposición de Suma Ribeira, que foi rexeitada cos votos do PP e do PSOE, a «falta de respecto» cara este grupo e cara os cidadáns e cidadás é aínda maior se temos en conta que a data de rexistro é do día 23 de abril ás 14.02, mais ao noso concelleiro non chegou ata o mércores 28 ás 14.25, cando o pleno estaba previsto para o luns 26 (tivo que aprazarse por motivos de forza maior).

Falamos, ademais, dunha proposta, para nós, de vital importancia para garantir a convivencia en igualdade de todos os veciños e veciñas de Ribeira e minorizar, así, a privación de dereitos que supón para as persoas con distintas disfuncionalidades as eivas que existen, tanto na cidade como nas parroquias, en materia de accesibilidade e mobilidade.

«Coa nosa proposición procurabamos un compromiso de transparencia, obrigando a reflectir a porcentaxe do Presuposto anual adicado a Accesibilidade (non pedíamos unha cantidade concreta). e información sobre o grao de execución de dita partida». Nin máis nin menos, explicou con responsabilidade e humildade Xurxo Ferrón, quen aceptou politicamente a derrota mais coa tristura de ver como se perpetrou un auténtico «atentado» contra a mobilidade, que vai condear ou seguir condeando a moitas persoas a ver limitada a súa autonomía á hora de desprazarse polo concello.

Para Ferrón, é unha lástima que non se admita este exercicio de transparencia e de esforzo que pedía Suma Ribeira e, sen embargo, non se escatime en gastos en grandes obras novas que, seguramente, serán máis vistosas e agradecidas politicamente pero non para o día a días dos e das ribeirenses.

A argumentación do grupo de goberno, avalada polo PSOE, foi unha proposta «espiritual», como ben cualificou o noso concelleiro, polo seu carácter xenérico e porque, como mesmo se desprende da súa redacción, está a volver a reclamar que se poña en marcha e/ou actualice un Plan Universal que tiña que ter comezado en 2016 (2016-2026).

*Adxuntamos textos íntegros da emenda de substitución do PP, finalmente aprobada, e da nosa proposta.

Fábrica de Cerqueiras

A crispación por esta forma de facer política do goberno que preside Manuel Ruiz non se limitou á iniciativa de Suma Ribeira, senón que tamén protagonizou un agrio debate sobre a declaración BIC da Fábrica de Cerqueiras -a iniciativa do BNG- , rexeitada pola mesma vía de emenda «espiritual» de substitución.

Pedra de Santiaguiño e Itineraio

Máis sorte tiveron a posta en valor da Pedra de Santiaguiño e a protección da riqueza megalítica do concello, e, alomenos, nestas iniciativas imperou o sentido común e foron aprobadas, tanto a limpeza da Pedra (a iniciativa do PSdeG) como a adhesión ao Itinerario Europeo da Cultura Megalítica (a proposta do goberno).

Edar de Couso e Corrubedo

O concurso das depuradoras de Couso e Corrubedo trouxeron, de novo, a bronca ao debate. Suma Ribeira decidiu absterse co obxecto de non obstaculizar un procedemento administrativo a prol do beneficio dos cidadáns e cidadás, mais a situación do PP, cun concelleiro menos, fixo que non houbera acordo, o que o alcalde cualificou de «irresponsabilidade», anunciando iniciar as accións que os servizos xurídicos lle permitan contra os grupos que votaron en contra. Talante!!!!

Desafectacións

En canto aos expedientes de desafectación de diferentes enclaves, o noso concelleiro lamentou non ter a información suficiente das actuacións que se queren levar a cabo nin da previsión do incremento de gasto que van supoñer; con todo, tamén por un exercicio de responsabilidade, expresou o seu voto favorable ás correspondentes a Portos e a abstención ás correspondentes a estradas da Deputación e da Xunta.

Vacinación flota pesqueira

Aprobouse como último punto da sesión, que non da orde do día, unha inicitiva para a vacinación urxente da flota galega. Unha proposta que Suma Ribeira aproveitou para reclamar un traballo máis competente cando se detecten gromos da Covid nun barco, para evitar así «imprudencias sanitarias das que aínda estamos pagando agora as consecuencias». O grupo do goberno, máis unha vez, tentou emendar unha iniciativa que se ve lle incomodaba. «Mais se votar isto lles fai ilusión…. ala vostedes», dixo Ruiz e, coa mesma, levantou a sesión, da que ficaron pendentes, entre outros asuntos, a iniciativa de Suma Ribeira para a Planificación de dotación de Servizos Esenciais.

Suma Ribeira propón un Plan integral e equilibrado de dotación de servizos esencias

Suma Ribeira reclamará no próximo pleno a mellora na dotación de servizos básicos no concello, para o que propón que se deseñe un Mapa dos lugares con maiores carencias, que inclúa as vivendas afectadas e os servizos dos que carece.

Suma Ribeira presenta esta proposición co obxecto de garantir a maior transparencia e equidade á hora de priorizar unhas intervencións sobre outras, o que favorecerá, segundo o seu concelleiro, Xurxo Ferrón, que “a percepción veciñal sobre as distintas actuacións acometidas polo concello sexa a do equilibrio e a integración”.

Para Suma Ribeira, é fundamental pór en valor o traballo dos técnicos municipais a través dunha metodoloxía que xustifique as súas decisións e evitar así o risco da “incomprensión e rexeitamento cidadá que se produce moitas veces”.

“Cando ten lugar a execución dunha obra para solucionar algunha carencia de servizo
ou servizos básicos nun punto concreto -explica Ferrón- non sempre entenden as veciñas a razón de priorizar a solución a ese problema nesa zona, dando pé ao crecemento de posibles malestares por supostos agravios comparativos”.

Ferrón advirte de que non son poucas tampouco as ocasións nas que “a epidémica costume de desacreditar a política encontra fértil nicho a nivel local nas actuacións de dotación ou mellora de servizos esenciais”.

Neste sentido, fala do clientelismo, electoralismo, agradecemento por apoios recibidos,
favoritismo … como algunhas das pexorativas expresións que acostuman acompañar a
moitas críticas. Críticas que asume que en moitos casos poden ser certas.

Ante o exposto, Suma Ribeira propón:
1.- Elaboración polos servizos técnicos municipais dun mapa de lugares do concello
con carencia de servizos esenciais, incluíndo número de vivendas afectadas, servizo(s)
do que carece …. Terán consideración de servizo esenciais, cando menos, os
seguintes: auga da traída, enerxía eléctrica, saneamento, alumeado público e internet.
2.- Avaliación orientativa do presuposto necesario para solucionar a(s) deficiencias(s).
3.- Presentación dun avance de proxecto técnico global cunha proposta de prioridades
de actuación.
4.- Discusión do anteproxecto aberto á participación da veciñanza.
5.- Aprobación plenaria do itinerario a seguir nunha actuación municipal integral e
equilibrada de dotación universal de servizos básicos.

Por outra parte, Suma Ribeira lembra que neste pleno debatirase tamén a iniciativa deste grupo que quedou pendente da sesión anterior e que tiña a ver coa adopción de medidas para favorecer a mobilidade en todo o concello para todas as persoas.

Nos medios:

O Barbanza

Suma Ribeira apoia o Manifesto das veciñas en contra do peche de Abanca en Palmeira nun «pleno mudo»

Suma Ribeira apoiou o Manifesto da Plataforma de Afectados e Afectadas polo peche da oficina de Abanca de Palmeira que, se nada o detén, se fará efectivo a partires deste mércores, día 19, mais lamentou a chantaxe do alcalde, Manuel Ruiz, que condicionou a celebración dun pleno extraordinario para abordar o tema antes desta data a que non interviran no mesmo os diferentes grupos.

Con esta leitura, a corporación municipal de Ribeira ponse do lado dos veciños e veciñas que levan días concentrándose en contra da medida da entidade bancaria, mais faino a través dun «paripé», afirmou o concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, quen pediu que constara en acta a discrepancia da organización co decidido en Xunta de Voceiros por maioría do PP e de PBI, pero non por unanimidade.

Ferrón explicou que, malia o carácter de «Declaración Institucional» e non do Pleno que realmente reclamaban os veciños e veciñas e que, por lóxica democrática, leva implícito o debate e as intervencións dos grupos, Suma Ribeira decidiu participar para poñer en evidencia, máis unha vez, todo o seu apoio contra dunha medida que vai ser moi perxudicial para as cidadás de Palmeira.

Dietas pleno

Non obstante, o concelleiro desta organización política rexistrou un escrito para renunciar á dieta correspondente á asistencia a pleno, pois reiterou que non sería coherente nin responsable politicamente cando ao que se asistiu, realmente, foi a unha leitura por parte do Secretario do concello.

Logo dun momento de tensión, no que o alcalde fixo amago de suspender o pleno e convocalo de novo o próximo día 31, cadrando co pleno ordinario: «Queren falar ou queren votar?», dixo, o manifesto foi aprobado por unanimidade.

Dimisión

Por outra parte, respecto do anuncio de dimisión da concelleira de Asuntos Sociais, Ana Ruiz, tras coñecerse a festa ilegal celebrada a pasada fin de semana nun local da súa propiedade, Xurxo Ferrón explicou que para Suma Ribeira é unha boa nova e a saída lóxica a unha «irresponsabilidade política» que non se pode xustificar dende o persoal e que, por tanto, esixe de medidas políticas.

Suma Ribeira deu unha marxe á concelleira para comparecer e dar conta do sucedido antes de pedir directamente a súa renuncia, polo que acollen con satisfacción a decisión anunciada por Ana Ruiz.

Suma Ribeira esixe explicacións á concelleira de Servizos Sociais sobre unha festa ilegal en Bandourrío

Ribeira, 17 de maio de 2021Suma Ribeira insta á concelleira de Servizos Sociais a que, á maior brevidade, compareza para dar explicacións ou desmentir, de ser o caso, as distintas informacións publicadas sobre a celebración dunha festa ilegal en Bandourrío (Ribeira).

Suma Ribeira, a través do seu concelleiro, Xurxo Ferrón, cualifica de “lamentable” esta celebración “multitudinaria, ilegal e de alto risco sanitario”, coa que a concelleira está vencellada segundo as diferentes noticias que se coñecen até o momento.

Para Suma Ribeira, é imprescindible que a concelleira dea conta, canto antes, do sucedido, tanto se está convencida de que non tivo ningunha responsabilidade -“ou irresponsabilidade”- como no caso contrario, pois a gravidade dos feitos requiren das pertinentes explicacións para que poida seguir desenvolvendo as súas funcións de 2ª Tenente de Alcalde e concelleira delegada de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, cunha dedicación do 75 por cento.

“Esclarecer un suceso desta gravidade é un deber coa institución á que representa -engade o concelleiro-. A corporación e os cidadáns e cidadás merecen información sobre o acontecido e por iso a esiximos, ante os escasos datos oficiais aportados até o momento sobre a festa”.

Participemos e constrúamos entre todas o listado de zonas que non teñen suficiente cobertura de banda larga para que sexan as beneficiarias das bolsas do Estado

Suma Ribeira anima a participar na elaboración do listado de zonas que non conten con cobertura suficiente de banda larga e, por tanto, sexan potenciais beneficiarias de actuacións e de axudas do Estado para mellorar esta eiva.

A idea, que xorde dunha proposta do goberno central, enmárcase no Plan de Colectividade e Infraestructuras Dixitais, cunha dotación de 2.320 millón de euros.

O Executivo estatal realizou unha listaxe preliminar de zonas e abriu de prazo ata o 29 de maio para que os interesados/as formulen as súas observacións e propostas de rectificación, segundo informou esta mañá a equipa de goberno de Ribeira. A listaxe provisional elaborada polo Goberno Central recolle que dentro do municipio de Ribeira hai un total de 164 zonas brancas e ningunha zona gris.

Os veciños e veciñas poden presentar directamente as súas alegacións:

– A través do formulario que aparece na páxina web específica do Goberno 

– A través dun formulario habilitado en www.ribeira.gal. Neste formulario calquera cidadán que o desexe poderá informar dunha zona con cobertura escasa ou inexistente dentro do termo municipal (ben indicando a referencia catastral do mesmo ou ben a rúa ou lugar no que se atopa).

O prazo disposto para presentar as ditas alegacións remata o domingo 23 de maio á medianoite e, unha vez recompilados todos os datos, serán tidos en conta para formular ante o Estado as alegacións pertinentes por parte do Concello.

Suma Ribeira convida a participar na mobilización contra o peche da oficina de Abanca en Palmeira

Suma Ribeira quer facer público o seu apoio á mobilización convocada para mañá venres por diferentes colectivos veciñais co obxecto de evitar o peche da oficina de Abanca en Palmeira.

Suma Ribeira solidarízase co principal colectivo de afectados, as persoas maiores e xubiladas, mais advirte de que a medida é altamente perxudicial para toda a poboación, un novo desprezo á vida das parroquias que ven como pouco a pouco esmorecen por falla de servizos, condeando aos veciños e veciñas a ter que desprazarse para todo a Ribeira.

Alén de que dende Suma Ribeira somos teimudos en que debe haber un equilibrio territorial en todos os concellos, cunha distribución acaída dos servizos que permita vivir en igualdade de condicións, independentemente de estar no centro ou non, dáse o caso, ademais, de que o peche da oficina nin siquer está acompañado dunha mellora no transporte público que facilite aos usuarios os desprazamentos.

Fonte : obarbanza.gal

Esta agrupación pon voz con esta denuncia pública ás reclamación feitas, principalmente, polo Club de Xubilados e máis a Plataforma Veciñal de Palmeira, que están a recibir o apoio de case todo o tecido social e económico da parroquia, así como das diferentes formacións políticas, que queren levar o debate a un pleno extraordinario para atopar unha solución antes da data prevista para peche, o 19 de maio.

Privatizacións e desmantelamento servizos

A oficina de Palmeira é un chanzo máis da política de Abanca en toda Galicia de tentar precarizar e abaratar costes para gañar beneficios, sempre de costas aos cidadáns e ao impacto negativo que poden supor sobre a xente as súas medidas.

Para Suma Ribeira, no obstante, tanta responsabilidade ten Abanca como o goberno da Xunta, por ter privatizado os aforros de todas e todos os galegos e deixar en mans dos especuladores a xestión duns servizos que deberan ser públicos.

*A mobilización está prevista para mañá venres 7 a partires das 10.00 H ante a porta da oficina de Abanca de Palmeira