Suma Ribeira levará ao próximo pleno a constitución dunha Mesa Municipal do Transporte Público

Suma Ribeira, ante a situación que está a padecer o concello -xunto a tantos outros do país- dun insuficiente e ineficiente transporte público, defenderá no próximo pleno:

1- Que se constitúa unha Mesa Municipal do Transporte Público, aberta á participación de todos os partidos políticos e forzas sociais.

2- Que se lle dote dos medios necesarios para a elaboración dunha análise exhaustiva sobre a situación actual do transporte público municipal e intermunicipal.

3- Que se elabore un proxecto a curto, medio e longo prazo, que estableza o itinerario a seguir na procura dun transporte público de calidade que dea resposta eficaz ás necesidades reais da nosa poboación e contribúa á redución da contaminación, así como á concienciación e sensibilidade medioambiental das nosas veciñas e veciños.

Para Suma Ribeira, o concello, como institución máis próxima aos cidadáns e cidadás debe dar exemplo e, por tanto, debe ser quen vele e fomente polo uso do transporte público, para o que debe garantir que os servizos do mesmo: horarios, puntualidade, itinerarios, frecuencias, accesibilidade, renovación de frota sexan os acaídos ás necesidades da vila e da poboación.

A través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira lembrará no pleno as moitas e beneficiosas repercusións de ter e usar un transporte público de calidade, entre elas:

– O fomento da equidade social, contribuíndo á diminución da exclusión social.

– Potenciación do equilibrio territorial, facilitando a comunicación ás zonas con menor densidade de poboación.

– Favorece a autonomía das persoas con problemas de mobilidade.

– Reduce a conxestión na circulación de vehículos e do número de accidentes de tráfico. 

Reduce a contaminación ambiental, e implicación persoal na colaboración coa mesma.

– Posibilita a redución do tráfico nos centros das vilas e facilita a creación de zonas de preferencia peonil.

Segundo Suma Ribeira, malia que “vén sendo un problema crónico no noso concello -e non só do noso concello- a falla dun transporte público que cumpra cuns necesarios estándares de calidade”, resulta preocupante ver cómo ultimamente medran as queixas e críticas xustificadas sobre a prestación deste servizo público, de aí que urxa a adopción de medidas.

“Somos conscientes de que estamos falando dun tema sensible, e de que a preocupación pola necesaria mellora do noso transporte público é compartida por esta corporación, á que xa lle chegaron varias iniciativas ao respecto”. Non obstante, cómpre seguir traballando e facer unha análise exhaustiva da situación actual, cun estudo das necesidades reais da poboación, coa participación de todos os partidos políticos e forzas sociais para deseñar unha planificación realista e eficaz do que a curto, medio e longo prazo debe ser o transporte público de todas. 

¡Damos Conta(s)!

Suma Ribeira, en cumprimento co seu programa e principios polos que se rexe, fai públicas a través desta información as súas Contas do pasado exercicio 2020, tanto no que atinxe á dotación percibida polo concello, que lle corresponde por ter obtido unha acta de concelleiro nos últimos comicios, como a xustificación de gastos nos que se investiron os cartos.

A transparecia é un dos eixes vertebradadores da política de Suma Ribeira, básico en todos os eidos da acción política, pero sobre todo cando se está a falar da administración de cartos públicos, da dotación que as organizacións perciben para dar cumprimento aos compromisos que adquiriron cos seus votantes.

Saúde Democrática

Dende Suma Ribeira, lamentan que esta práctica tan sa para a vida democrática non estea entra as prioridades do equipo de goberno de Ribeira, liderado por Manuel Ruiz, nin na súa forma de facer política, nin tan siquer ante proxectos tan importantes como o de Orzamentos, como se puxo de manifesto na surrealista negociación dos mesmos, tan só co grupo socialista, e no agrio debate no que saíron adiante cos votos da nova coalición PP-PSOE asinada ate o 2023.

Doazón

Sobre as contas percibidas en 2020, algo máis de 9.000 euros, Suma Ribeira quere resaltar o 30 por cento que decidiron doar a partir do mes de maio ate o mes de decembro, para contribuír a paliar as consecuencias da pandemia entre os máis afectados e afectadas. Esta situación de excepcionalidade social fixo que tamén o seu voceiro, Xurxo Ferrón, aportase a mesma porcentaxe, durante o mesmo período, co mesmo fin.

Outro dos aspectos a salientar pola organización, é, máis unha vez, a súa austeridade, co obxecto de investir só no necesario e ficar cun mínimo remanente que permita facer fronte a calquera imprevisto ou proxecto que se considere de interese, sen dependencias de entidades bancarias nin endebedamentos.

*Adxuntamos PDF coa documentación obtida vía Rexistro da que se extraen os datos das infografías

O mantemento e conservación de infraestructuras municipais, unha necesidade urxente que non admite máis demoras

O primeiro pleno ordinario deste novo período de sesións tras o parón estival comeza, de novo, arrastrando temas da orde do día para o seguinte debate. Incidentes como acontecido o pasado luns respecto da votación dunha iniciativa en contra dos recortes nos centros de ensino de Ribeira, dende logo, non axudan ao discorrer normal da xornada.

Suma Ribeira acudiu a este pleno con dúas proposicións, unha froito das demoras que comezaron a se producir antes das vacacións, a relativa ao Equilibrio Orzamentario entre novos equipamentos e mantemento de infraestructuras xa existentes, e outra sobre medidas para o Cumprimento de acordos plenarios e axilización de tempos para as respostas escritas.

O debate só permitiu a defensa da primeira delas, que foi aprobada co respaldo de todos os grupos agás o PP, que non só a rexeitou senón que presentou unha emenda de substitución na que o voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, nin quixo entrar, por desvirtuar totalmente o sentido do que estaba a defender e pretender negar a realidade corroborada pola maioría, a dun desleixo total na conservación de instalacións e equipamentos do concello que esixe de actuacións urxentes sen máis demoras.

Logo do respaldo e boa acollida desta iniciativa, fica pendente para o próximo pleno, a proposición relativa á implementación de medidas que garantan a transparencia sobre as actuacións levadas a cabo polo equipo de goberno para o debido cumprimento dos acordos plenarios.

Suma Ribeira, a través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, rexistrou esta iniciativa toda vez que as proposicións son o mecanismo legal que teñen os integrantes do pleno para facer achegas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

“Polo que o seu grao de cumprimento ou incumprimento -ao noso humilde entender- é indicativo da saúde democrática do goberno e, por extensión, de toda a corporación municipal, sobre todo en casos nos que o goberno no está amparado pola maioría, pois pode entenderse que o resto dos grupos son cómplices da desidia do equipo do rexidor”.

Para Suma Ribeira, é igualmente grave a demora nas respostas escritas dirixidas ao acalde para contestar persoalmente ou en sesión plenaria e, especialmente reprobable, que coincida o incumprimento dun acordo máis a falla de resposta en tempo razoable e legal a unha pregunta rexistrada por un concelleiro/a.

“Transcorrido máis do sesenta por cento do mandato desta corporación, sen embargo, en Suma Ribeira temos o convencemento de que debe suspender sen paliativos a actuación do alcalde e equipo de goberno, tanto no referente ao grao de cumprimento dos acordos plenarios como no que atinxe ao nivel de resposta ás preguntas formuladas.”

Ante estes feitos, a través de proposición que defenderán no próximo pleno, piden

1.Que todas as integrantes da corporación municipal sexan informadas puntualmente das actuacións levadas a cabo pola alcaldía e equipo de goberno para o cumprimento dos acordos plenarios.

2.- Que no prazo máximo de tres meses, nun apartado da web municipal, en lugar preferente, figure información facilmente accesible sobre:

Mocións presentadas polos distintos grupos municipais e enlace de acceso ao vídeo sobre o debate no pleno da mesma.

Resultado das votacións sobre as proposicións e o voto dos concelleiros e concelleiras agrupados por grupos políticos.

Grao de cumprimento actualizado das proposicións aprobadas, explicando as xestións e actuacións realizadas.

– No caso de haber proposicións nas que non se realizaron avances no seu cumprimento deberán xustificarse as razóns técnicas, xurídicas ou políticas que motivaron a falla de avance na súa execución.

3.- Que por parte da alcaldía e equipo de goberno, se proceda a responder por escrito dilixentemente ás preguntas rexistradas polas concelleiras para así ser contestadas. En todo caso, as respostas escritas non se demorarán máis dun mes,e, de non ser posible por razóns que o xustifiquen, procederase a notificarlle estas razóns á solicitante dentro do prazo citado.

Crónica dunhas contas (xa) anunciadas

“Todo o peixe vendido”. O pleno de orzamentos do pasado luns 20 de setembro celebrouse acorde ao guión previamente establecido polo goberno do grupo municipal do PP, liderado por Manuel Ruiz. É dicir, consumouse a aprobación dun pacto “contranatura” entre PP e PSOE para sacar adiante unhas contas que non só chegan tarde, senón que, ademais, non son as máis acaídas para as verdadeiras e prioritarias necesidades do concello de Ribeira e agochan, realmente, un acordo que vai permitir a Ruiz campar as súas anchas case ate o final da lexislatura, malia non ter maioría absoluta.

Non o dicimos nós, Suma Ribeira, dino os milleiros de veciños e veciñas que votaron a Suma, BNG e PBBI e que entre todos e todas suman só un concelleiro menos que a nova coalición entre populares e socialistas. É máis, habería que preguntarse cantos militantes e votantes do PSOE coinciden coa decisión dos seus representantes no concello, a de lle regalar a Manuel Ruiz a maioría ate o 2023, porque o “`pacto” escenificado entre ambas formacións non foi só un pacto para os orzamentos 2021, senón que foi un Protocolo de Actuacións para o desenvolvemento de accións conxuntas no período 2021-2023, como reza o documento ao que a nosa formación tivo acceso, malia que os implicados teimaran en negalo en todas as súas intervencións.

Por parte do PSOE, José Manuel Suárez Puerta baseou a súa estratexia en lucir mascarilla de cor vermello corporativo e en empregar o eufemismo “presionar” para tapar, supoñemos, a realidade vergoñante de lle ter regalado a Ruiz unha maioria que non tiña. 

Por parte do PP, Ruiz volveu facer da chantaxe, coa súa actitude desafiante nas formas, a súa liña argumental, co único obxecto de enlixar o debate e sementar ruido, lanzando a falsa acusación dun suposto encontro entre BNG e PBBI, do que non podía dar máis datos, para consumar a suposta “pinza” entre ambas formacións e boicotear así os orzamentos. 

Pinza BNG-PBBI

Foi, cecais, o momento máis tenso da sesión, malia que as saídas de ton foron xeneralizadas durante as máis de dúas horas que durou o debate, leitura de salmos biblícos por parte dos socialistas incluida. Logo de ter rematadas as intervencións de todos os grupos, Ruiz introduciu a súa acusación cando xa non había lugar a réplica, avivando os  ánimos dos concelleiros e concelleiras aludidos, que pediron retirara as súas palabras ou que as demostrara, ao que Ruiz respostou co simplismo de y tú más, “da mesma forma que vostedes din que eu teño un pacto co PSOE, eu digo que teñen unha pinza contra este goberno”.

Para o alcalde, máis unha vez, todo o que discrepe ou non vote a favor do que el dispón é culpable de todos os males que lle acontezan a Ribeira, está a “obstruír” e a dicir “non” ao progreso da vila, “unha boa ferramenta dialéctica -afirmou Xurxo Ferrón, en nome de Suma Ribeira- pero pouco seria do ponto de vista político”.

Ferrón reclamou argumentos máis responsabeis e lembrou que no ánimo de Suma Ribeira sempre estivo e estará facer unha oposición construtiva. Neste sentido, afeou a Ruiz que non se lle pode chamar diálogo a unha conversa telefónica protocolaria, o único convite que recibiron para facer algunha achega ás contas.

“Se houbera interés real en chegar a acordos -asegurou o voceiro de Suma- non chegariamos a este debate con 9 meses de retraso, coa única novidade do sorprendente acordo co PSOE e con só unha semana para o resto dos grupos para estudar o proxecto presentado”. 

Compromisos incumpridos

Do ponto de vista cuantitativo, Xurxo Ferrón recoñeceu que estes orzamentos son históricos, mais puntualizou que, por exemplo, “o proxecto, sen dúbida tan importante para Ribeira, como o polígono industrial, inclúe 8 millón de euros da venda de parcelas que aínda non se materializaron».

Asemade, criticou que non contempla unha planificación global e explicitada de investimentos de dotación de servizos básicos por parroquias; carece de compromisos concretos de investimentos para a supresión das beirarúas hostís á mobilidade que aínda abundan no concello; o  investimento en gasto social sigue a estar por debaixo da media provincial e a necesaria mellora do transporte público non é unha prioridade.

Xurxo Ferrón puxo estes puntos como eivas máis salientables das contas presentadas por dous motivos, porque para Suma Ribeira son necesidades prioritarias para o concello e porque existía un compromiso ao respecto delas froito dunha iniciativa, precisamente de Suma, aprobada en xaneiro de 2020, “casualmente só coa abstención do PSOE, que foi claramente incumprida”.

Para Suma Ribeira, tamén é pouco edificante para os cidadáns ver como, malia a súa incapacidade demostrada para o diálogo, logo de chegar ao pleno cos votos atados e ben atados e logo do espectáculo dado no debate, Manuel Ruiz  insista en acusar aos grupos de enrarecer o ambiente político ao tempo que afirma ter a man tendida para, desde xa, preparar os orzamentos de 2022.

«Por coherencia e normalidade democrática. A única anomalía democrática á que vostede fixo referencia en distintas ocasións sería que Suma Ribeira, neste contexto, do que acabamos de dar explicacións cremos que debidamente razonadas, votase a favor”, concuiu Ferrón.

Suma Ribeira fará as súas propias achegas no pleno de orzamentos, malia que «todo o peixe estea vendido»

Suma Ribeira afrontará o pleno extraordinario de orzamentos que se vai celebrar o próximo luns dende a crítica e as achegas que considera fundamentais para estas contas, pois considera que non son os orzamentos acaídos ás necesidades do concello e, sobre todo, son uns orzamentos feitos dende a falta de diálogo e transparencia esixibles a un proxecto desta envergadura, “o que supón unha falta de respecto total á oposición e, por ende, ao bo número de veciños e veciñas representados polos grupos que non participaron na elaboración dos mesmos”.

O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, lamenta que, máis unha vez, o alcalde do PP, Manuel Ruiz, pretenda enganar á cidadanía e “enlixar” a vida política acusando a quen se opón a estas contas, feitas con “nocturnidade e alevosía” da man do grupo do PSOE, de “boicot”.

Ferrón lembra, ademais, que o pacto cos socialistas vai máis alá dos orzamentos para o vindeiro ano, é un “PROTOCOLO DE ACTUACIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE

ACCIÓNS CONXUNTAS NO PERÍODO 2021-2023”, do que ficaron excluidos Suma Ribeira, BNG e PBBI, malia sumar un concelleiro menos que PP e PSOE xuntos.

A única opción a participar nas contas de 2021 que se deu ao resto dos grupos, alomenos a Suma Ribeira, foi -segundo explica o seu voceiro- a través dun contacto telefónico, «cos orzamentos xa case pechados, no que Manuel Ruiz explicou que os Orzamentos eran unha estrutura complexa de difícil encaixe, pero que se tiñamos algunha achega concreta que se poidese incorporar no conxunto sen necesidade de facer cambios importantes que lla fixésemos chegar, sempre que de ser aceptada estivésemos en disposición de absternos ou incluso votar a favor das Contas no pleno. Todo o peixe vendido entre o PP e os socialistas”.

Para Suma Ribeira, esta conversa é unha mostra máis do talante e do “xeito de facer” de Ruiz, é dicir, da súa incapacidade demostrada para o diálogo e chegar a acordos e da súa práctica da “chantaxe”.

Neste sentido, lamentan tamén que na rolda de prensa de presentación dos Orzamentos volvera empregar o argumento de que se os grupos “os rexeitabamos seriamos responsables de todos os males que caesen sobre Ribeira”, ademais das acusacións de “boicot”.

Cómpre lembrar que esta rolda de prensa, ademais, se produciu logo de ter escenificado ante os medios de comunicación o pacto co PSOE e ter feito pública a posible data do pleno, saltándose todos os cauces institucionais e regulamentarios propios da acción de goberno e da presentación dun proxecto tan importante como o dos Orzamentos, que os grupos non coñecimos formalmente ata o día 9, case unha semana despois da “foto PP-PSOE”.

Dende Suma Ribeira, sempre defendimos e seguiremos a defender uns Orzamentos transparentes e participativos, con prioridades claras e obxectivables das actuación máis necesarias para o ben común.

Suma Ribeira reclama ao concello que recupere o entorno da Fonte da Agriña

Suma Ribeira vén de rexistrar un escrito no que reclama ao concello que se realicen as actuación precisas para devolver o entorno da Fonte de Agriña ao seu estado natural, así como para que o goberno municipal manteña unha xuntanza cos veciños e veciñas da zona para atender as súas queixas e as súas suxestións respecto da situación urbanística e melloras que precisa esa zona.

Suma Ribeira faise eco, deste xeito, das reivindicacións que lle fixeron chegar os afectados da rúa Cabasas e arredores, por unhas obras supostamente feitas polo concello no entorno natural da Congostra da Agriña, nomeadamente na fonte que se atopa nese lugar, que ten a particularidade de que a súa auga bota directamente dunha rocha.

“Dende SumaRibeira  -explica o seu voceiro Xurxo Ferrón– consideramos, ao igual que a veciñanza, que a obra que se está facendo non é a máis idónea para resaltar o carácter de atractivo natural que ten a zona. Chama a atención o contraste do cemento coa paisaxe. Máis ben parece un «eccehomo» tal aberración”, de aí que reclamen unha actuación urxente por parte dos responsables municipais.

Dosier de prensa

https://www.elcorreogallego.es/concellos/bochorno-ante-el-ecce-homo-realizado-con-un-manantial-de-dean-que-brotaba-de-una-roca-XL8850572

Suma Ribeira, BNG e PBBI plantan a Ruiz nun «pleno fraudelento»

Suma Ribeira, BNG e PBBI acordaron non participar hoxe no pleno de reprobación convocado polo alcalde, Manuel Ruiz (PP), con carácter de urxencia e con obrigatoriedade de ser presencial, por considerar que é un “pleno fraudulento” e un “esperpento democrático”.

Os voceiros das tres formacións explicaron, en rolda de prensa conxunta, que non había ningún motivo obxectivo que xustificara a celebración urxente desta sesión, salvo a de evitar unha votación que o rexidor sabía perdida de antemán.

Neste sentido, lembraron que a petición dun pleno para reprobar ao alcalde por incumprimentos de acordos acadados por maioría foi realizada polos tres grupos a finais de xullo, co aval de máis de 1.200 sinaturas recollidas pola Plataforma de Veciños e Veciñas afectados pola Circunvalación. Mais en ningún caso contemplaban este tipo de convocatoria, dun día para outro, que o único que provocou foi imposibilitar a participación real e efectiva de boa parte dos membros da corporación que, por obrigas laborais -xa que non todos os concelleiros e concelleiras teñen adicación exclusiva- e por motivos persoais -moitos están fóra de Ribeira- non poideron asistir.

Xurxo Ferrón, voceiro de Suma Ribeira, acusou o alcalde de “retorcer, forzar e incumprir” o regulamento de funcionamento interno do Concello para “furtar” as poucas ferramentas democráticas que ten a oposición para facer valer os seus dereitos e transmitir a opinión e demandas dos veciños e veciñas aos que representan.

Ademais, explicou, non está xustificada no contexto epidemolóxico actual a obrigatoriedade de ser un pleno presencial e lembrou que a situación de Ribeira nestes momentos é peor que a de hai quince días, cando se celebrou a última sesión ordinaria, de forma telemática.

Non é a primeira vez que o alcalde adapta as circunstancias aos seus intereses, recordan dende Suma Ribeira, e poñen como exemplo o «pleno mudo» que convocou con motivo do peche da oficina de Abanca en Palmeira, que dirixiu de forma telemática dende o seu coche oficial.

Os tres voceiros coincidiron en que sería moi grave que os propoñentes da reprobación estivesen fóra, do lado dos veciños e veciñas da Plataforma, e PSOE e PP continúasen co “pleno da vergoña”. 

“Non faga trampas ao solitario”, engadiu un portavoz da Plataforma, que tamén pediu un pouco de “coherencia” ao alcalde e un cambio na súa actitude, “pois os veciños e veciñas non merecemos este desprezo. Entre os afectados hai votantes do PP e de todas as forzas”, recordou, e pediu a Ruiz que acepte manter un contacto con eles e os grupos.

Tanto Suma Ribeira, BNG e PBBI como a Plataforma pide que se cumpra o acordo acadado en pleno que obrigaba a estudar outras alternativas á Circunvalación máis económicas, máis sostibles e con menor impacto social.

Ana Peleteiro, a deusa de bronce

Como todos os días, a deusa Amaterasu paría un sol no país onde nace, o Xapón. Neste
grandioso país onde tanto veneran aos elementos naturais porque os seus centos de deuses ou espíritos se atopan nas árbores, nas pedras, nos ríos ou nas fontes entre
outros (sintoísmo), este fermoso día, outra deusa, pero do país do sol poñente ía brilar
con luz propia e como di o verso:

«Ao que brila con luz propia
ninguén o pode apagar.
O seu brilo pode acadar
a escuridade doutras costas».

Voou Ana coma nunca o fixera coas ás da coraxe, da furia, do esforzo e do traballo de
moitos anos de sacrificios, de privacións e de constancia. Tamén coas ás do cariño e o
apoio da súa familia e voamos con ela os milleiros de veciños e veciñas de Ribeira de todasas cores, porque pese ao labor que realizan algúns para desunirnos e soltarnos da man, todos somos irmáns e non nos temos rancor, todos latimos ao unísono cun só corazón.

Grazas Ana por deixar voar contigo a este pobo traballador e facernos sentir no aire por uns segundos esquecéndonos nese intre das nosas penurias cotiás, do traballo, da saúde e da economía. Homes e mulleres do mar e do campo, da conserva e xente de todos os oficios facémonos partícipes dos teus éxitos porque pensamos que é un pulo importante para a mellora do noso pobo xa que debe ser labor de todas e todos crear riqueza e repartila o máis equitativa e xustamente posible para mellorar a calidade de vida de todos e todas as ribeirenses.

Permítenos, Ana, expresar de todas as maneiras axeitadas a nosa ledicia espontánea que estes días de gloria nos transmiten e nos animan a amosarche o noso agarimo.
Grazas Ana, por ese raíño de sol que nos traes de oriente en forma de medalla.

Manuel Gonázalez González

Ética e Estética

O atractivo dun pobo non o marcan só as confluencias ocasionais das forzas da natureza que crearon un entorno xeográfico de certo encanto e atractivo para os ollos de propios e foráneos. Tamén o ser humano ten a facultade de crear ou potenciar a beleza do entorno no que vive facéndoo máis acolledor, máis amable para as persoas que o habitan e máis desexable e incluso máis rendible economicamente ao ser un punto digno de ser visitado.

O que fai un pobo non son as individualidades de certas persoas, homes ou mulleres, por moi extraordinarias que sexan: un gran arquitecto, un gran empresario, un gran deportista, un gran alcalde… O que realmente fai un pobo é ter un gran proxecto común onde todas e todos nos sintamos partícipes del e teñamos claro que o noso esforzo está a servir para beneficiarnos todas dunha maneira ou doutra.


É innegable que ata o de agora a conformación da estrutura urbanística da nosa cidade e parroquias, é dicir, de todo o Concello, é un bo proxecto do mal facer ou do deixar facer.

Se facemos unha análise cronolóxica do que nos levou a esta situación podemos comezar, dende a miña opinión, alá polos principios dos anos setenta, anos de bonanza económica coa influenza de cartos da emigración, a navegación e a pesca. Como consecuencia desa abundancia creceron as empresas bolsistas e a partires de aí comezaron a proliferar os negocios especulativos sobre todo o da construción e outros de cuxo nome non quero acordarme.

Comezouse pola reforma da fachada marítima onde ata ese momento se atopaba a frenética actividade empresarial: fábricas de conservas, almacéns, talleres… Casualmente algunha destas fábricas ardera, e alí, nesa fachada perpetrouse e perpetuouse a primeira desfeita urbanística, o gran edificio da caixa de aforros. Logo converteron o antigo edificio do concello nun búnker de cemento que despois foi remodelado varias veces para intentar tapar tal espantallo. Seguiron con todo tipo de edificacións en calquera tipo de parcela sen o mínimo de ética urbanística e, por suposto, sen un ápice de estética nin harmonía.

Froito tamén dese vórtice económico para beneficio duns poucos, perdemos a estética dos barrios de arquitectura mariñeira de Bandaorrío e Palmeira. Apenas quedan algúns exemplos e outros son híbridos ou fagocitos da arquitectura nova, que non moderna, coma no caso do barrio das chamadas “casas baratas” que perderon todo o seu encanto ao permitir como reformas para mellorar a habitabilidade unha anarquía de construcións sen unha harmonía estética entre elas, gran erro do Plan Urbanístico, quedando como símbolo da vergoña algúns dos arcos de pedra que as caracterizaban.

Mais agora, nestes momentos, e corroborando as miñas verbas, intentan maquillar a desfeita urbanística anterior coa chamada humanización do entorno, facéndoo máis accesible á cidadanía motivado, tal vez, por influencias externas da arquitectura, neste caso moderna pero con total ausencia de actuacións encamiñadas a paliar os casos máis rechamantes de feísmo e mal facer e sen unha mínima esixencia de conservación dalgunhas propiedades privadas.


Paréceme ben, aínda que primeiro malgastaron en pedra, unha nova estética para a cidade. E as parroquias, que? As parroquias, aínda que estean no rural, necesitan coidados e unha estética axeitada: a limpeza do entorno, camiños, rúas e beirarrúas cheas de maleza, núcleos de casas rurais en vías de desaparición, casas e fincas abandonadas, edificacións de nova construción a medio facer, sen rematar e abandonadas, vertedoiros incontrolados de lixo e cascallos de obras, sen controlar; falta de tecido social que poda utilizar as infraestruturas municipais, falta de coidados permanentes da riqueza etnográfica: fontes, lavadoiros, cruceiros, castros…, monumentos naturais:  pedras, árbores, ríos…

Sería necesario deseñar un proxecto co compromiso e coa aportación de todas e todos e habilitar as medidas necesarias contra o feísmo, para un urbanismo ao servizo da cidadanía, para que a nosa cidade sexa digno referente dun concello ben estruturado. Iso si que sería facer pobo.

Artigo do compañeiro Manuel González que foi publicado en barbanza.gal

Suma Ribeira: do lado da ensino, do lado das parroquias, do lado dos investimentos acaídos

A defensa irrenunciable do ensino público, nomeadamente do ensino público no rural, será para Suma Ribeira un bo xeito de pechar este período de actividade antes da parada do mes de agosto. Un bo xeito de demostrar os valores que definen a organización e polos que leva traballando desde a chegada ao concello.

Como non podía ser doutra maneira, Suma Ribeira estivo do lado de pais, nais e representantes da comunidade educativa o pasado luns 26 antes da celebración do pleno ordinario, para amosarlles o apoio ás suas reivindicacións, que esixen unha rectificación por parte da Consellería de Educación ao respecto de eliminar dúas unidades de educación infantil no CEIP plurilingüe de Palmeira e reclaman que se adopten medidas verdadeiramente acaídas para garantir un ensino público de calidade neste e noutros centros próximos, rebaixando as ratios nas aulas segundo as necesidades.

Suma Ribeira non só considera inxustificada a decisión da Xunta, senón que advierte do empeoramento que vai supor na calidade educativa do centro e da parroquia, cun incremento importante dos nenos e nenas por aula, que vai dificultar o traballo de mestres e mestras, nomeadamente a atención do alumnado con necesidades especiais. Por iso, agarda que saian adiante as dúas iniciativas que se debatirán no próximo pleno extraordinario do día 2 -que ficaron pendentes na sesión pasada- e haxa un compromiso de toda a corporación municipal para facer chegar ao goberno as queixas e demandas tanto da comunidade educativa do CEIP como as do IES Número 1 de Ribeira, ao que tamén se lle vén de comunicar a supresión de dez prazas de profesores.

Equilibrio orzamentario

Esta sesión extraordinaria está motivada pola acumulación de temas que, por falta de tempo, non deron saído adiante, entre os que tamén está a iniciativa de Suma na que prantexan o deseño dun Plan Anual de Mantemento de Infraestructuras, co obxecto de acadar equilibrio orzamentario entre as xa existentes e as de nova construción. 

Esta formación política considera que urxe unha iniciativa destas características ante o mal conservadas que están boa parte delas, un estado de abandono que “raia a desidia”, explican, e que debe corrixirse a través dos servizos municipais e, de non ser posible por cuestións legais, a través de persoal externo ao concello. 

Para Suma Ribeira, é imprescindible un cambio de prioridades, pois “nos últimos anos vimos como foron medrando os investimentos en novas actuacións frente aos necesarios traballos para o sostemento axeitado das existentes”. 

Neste sentido, o concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, chama a atención nos investimentos millonarios feitos na pasada lexislatura, e mesmo na presente, “en novas infraestructuras que buscan, ás veces, máis a excelencia estética que o cumprimento dos requerimentos técnicos básicos e que xeran novos gastos de conservación anual que provocan o descoido doutros equipamentos, nomeadamente nas parroquias”.

Ferrón lembrou, dentro deste tipo de obras, o fracaso que supuxo o investimento en pavimento de grandes lousas de pedra de pedra en rúas céntricas da capital. “Pavimentos que, baixo a ben soante e moi usada desculpa da humanización, acapararon importantes partidas de axudas doutras institucións e que nos últimos anos están supoñendo importantes e reiterados custes na súa reparación e substitución, xunto con continuas queixas polo ruido que xeran”.

Ante o exposto, Suma Ribeira propón: 

1.- Que se faga unha planificación anual de mantemento de infraestruturas e se acometa polos servizos municipais, que consideramos deben ser reforzados. No caso de que non se poida facer por cuestións de tipo legal, se acometan por persoal externo ao concello

 2.- Que na WEB municipal sexa habilitado un espazo dedicado a reclamacións e

suxestións relacionadas co mantemento das infraestruturas e instalacións públicas.

3.- Que para facilitar o coñecemento e valoración do esforzo en materia de

mantemento e conservación, figuren explicitamente nos orzamentos municipais as

partidas económicas destinadas ao mesmo, e, asemade, a s a distribución xeográfica

4.- Que en todas as novas actuacións en infraestruturas e equipamentos figure unha

cuantificación da previsión en custes de mantemento.

5.- Que de acordo coas demandas das veciñas se vexan incrementados

progresivamente os orzamentos destinados a conservación e mantemento.

Corrubedo e vehículos eléctricos

A sesión plenaria do pasado luns 26 rematou cos acordos para mellorar a situación do entorno do Faro de Corrubedo -a iniciativa do BNG-, que se atopa nunha «situación lamentable», afirmou Ferrón, e para estudar a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos, «pois é un tema inicipiente no que non podemos quedar no vagón de cola»

Podedes consultar o debate sobre a proposta de Suma para implementar os Orzamentos Participativos no concello e o resto da información-resume do Pleno no perfil de Facebook.