Suma Ribeira leva de novo a pleno a necesaria mellora na acessibilidade á información municipal

Suma Ribeira volverá reclamar no pleno de mañá xoves medidas que garantan a accesibilidade á información municipal, tanto aos concelleiros e concelleiras, para que poidan cumprir do xeito máis rigoroso e acaído coas funcións para as que foron elixidos pola cidadanía, como tamén ás veciñas de Ribeira, cando precisen acceder a expedientes e e información municipal do seu interese.

Suma Ribeira leva de novo unha proposición nesta liña porque considera que ten moito a ver coa transparencia, eixo da sua acción política; de feito, con esta serán xa 4 as mocións debatidas sobre a mesma cuestión, aprobadas nos tres primeiros casos anteriores (ver texto íntegro da Proposición) sen que ate o de agora se dera cumprimento a ningún dos acordos.

Para Suma Ribeira, non é de recibo que a estas alturas, o camiño que ten que percorrer un concelleiro para acceder a un expediente pase por:

  • Solicitar por rexistro o dito expediente
  • Agardar a ser chamado para concertar cita, acordando hora, data e que haxa ordenador dispoñible nese momento no concello para a consulta
  • Presenza dun traballador/ora do concello mentres se examina o documento, sexa dixital ou en papel
  • Fotocopiar o que se precisa, que o concello facilita gratuitamente, ou insertalo nun dispositivo dixital, para o que é o concelleiro quen debe aportarlo nunha embalaxe orixinal que asegure que non foi utilizado anteriormente.
  • Se logo de analizar o expediente, ou por erro, requerise algún documento complementario, debería volver comezar todo o proceso
  • O mesmo acontece para coñecer se houbo algunha novidade que se incorporara á documentación durante o tempo na que é estudada

Ante o exposto, a proposta de Suma Ribeira prantexa a adopción das seguintes medidas:

  1. Habilitar os medios necesarios para axilizar as consultas, sen máis limitacións que as que recolle a lei, nomeadamente sobre protección de datos. Así como proporcionar a información, preferentemente, en soporte informático.
  2. Facilitar o acceso aos veciños e veciñas aos expedientes e información de interese
  3. Cumprimento sen demora dos acordos plenarios acadados con anterioridade sobre este mesma tema.

Suma Ribeira condiciona o seu voto a favor do POS ao cumprimento das achegas aportadas sobre mobilidade

Suma Ribeira condiciona o seu voto a favor do Plan de Obras e Servicios da Deputación (POS) a que cumpra o compromiso adquirido con esta organización de reservar unha partida aproximada duns 100.000 euros para acometer unha serie de obras prioritarias que melloren a accesibilidade e mobilidade en distintos puntos do concello.

Suma Ribeira mantivo un encontro co alcalde, Manuel Rivas, para facerlle entrega dun dosier froito dunha campaña feita entre veciños e veciñas, que aportou imaxes dos lugares onde hai maiores eivas, co obxecto de que se teñan en conta no futuro POS e que pasa por corrixir os accesos que non son accesíbeis en beirarrúas e pasos peonís, entre outras actuacións, dun xeito equilibrado, ademais, entre as distintas parroquias.

Para Suma Ribeira, é inexcusable para poder votar a favor o próximo mércores que se cumpran os compromisos adquiridos polo alcalde na dita reunión, na que asumiu as achegas expostas polo voceiro de Suma, Xurxo Ferrón.

Ferrón advirte de que o acordado implica que neste ano se realicen a inmensa maioría das obras propostas que non requiran de permisos doutras administración e se procurará solucionar as que si precisan.

En canto ás obras de nova creación, Suma Ribeira adianta tamén que “non nos imos deixar impresionar” porque na descrición de cada obra nova figure a palabra accesibilidade, pois é de supoñer que xa deben ser plantexadas con ditos parámetros,  “o verdadeiro e real compromiso coa accesibilidade pasa por uns investimentos acaídos para a adaptación de infraestructuras que nestes momentos presentan eivas nesta materia”.

Suma Ribeira urxe a creación dun servizo municipal de Vixilancia e Control urbanístico

A iniciativa pretende poñer coto á “desharmonía urbanística” que padece o concello e rematar coa “permisividade encuberta” ante actuacións de dubidosa legalidade

Ribeira, 26 de xaneiro de 2022.- Suma Ribeira proporá no próximo pleno que se constitúa un servizo municipal propio, “non externalizado”, de Vixilancia e Control do Cumprimento da Normativa Urbanística, que poña coto á  “desharmonía urbana” que sofre o concello, sumido nunha realidade de auténtico caos urbanístico pola falla de control e equidade por parte das institucións competentes.

Para Suma Ribeira, esta realidade vén de hai anos, pero estase a agravar pola ambigüidade e exceso de flexibilidade á hora de interpretar algún aspectos do PXOUM. Asemade, o desleixo á hora de facerlle frente está a provocar agravios comparativos e insolidariedades veciñais e beneficia, principalmente, a unha minoría moi particular, “baixo a coartada da liberdade individual dos promotores”.

Suma Ribeira considera que sería moi interesante, por exemplo, que se avaliase por técnicos en urbanismo sen conflitos de intereses as relacións custes – beneficios dunha regulamentación que establecese uns mínimos de harmonía en diversas fachadas marítimas costeiras. De igual xeito que sería desexable pormenorizar as actuacións e sancións municipais derivadas da apertura de expedientes de disciplina urbanística que houbo nos anos 2019, 2020 e 2021. 

Dende esta organización, consideran que a “permisividade encuberta” co incumprimento da normativa nas construcións ten un “lamentable” efecto”, semellante ao que acontece coa normativa de tráfico; o dunha minoría de incumpridoras, só preocupadas por evitar as sancións e por facer o que queren, prexudicando o resultado colectivo, co seu conseguinte malestar cidadá por percepción de trato discriminatorio. 

Para Suma, a delegación na <APLU> de determinadas competencias urbanísticas non pode xustificar a aparente invisibilidade municipal ante actuacións sen preceptivas licenzas, ou incumprindo as características e limitacións contidas nas mesmas.

É por isto que Suma Ribeira presenta unha proposición na que reclama a creación do dito servizo municipal que contaría coas seguintes función e características:

 a.- Control e vixilancia itinerante do cumprimento da normativa urbanística en todo o concello 

b.- Desenvolvemento do seu labor sen necesidade de denuncia previa. 

c.- Reforzo do necesario cumprimento da legalidade urbanística. 

d.- Potenciación da capacidade de actuación municipal con prontitude, antes de que as obras que non se axusten a licenza estean avanzadas ou incluso rematadas, facilitando así que as persoas infractoras sufran o menor prexuízo posible. 

e.- Axuda ao incremento das posibilidades de restitución real da legalidade, pois é coñecida a grande dificultade que supón para as institucións a demolición de obras consolidadas, moi especialmente cando a propiedade das mesmas corresponde a persoas con dispoñibilidade económica para recorrer as sancións ata as derradeiras instancias xudiciais. 

f.- Evitar ou reducir a dedicación do persoal técnico do concello na preparación da defensa xurídica, reducindo tamén o importe de custes derivados dos procesos xudiciais. 

g.- Suporía ingresos económicos municipais por mor das sancións derivadas da incoación de Expedientes de Disciplina Urbanística. 

h.- As traballadoras e traballadores que deban desenvolver labores de asesoramento, avaliación e control en todo o relacionado co cumprimento da legalidade urbanística serán, preferentemente, persoal con praza laboral en propiedade no Concello, ou, de non poder ser así por motivo xustificado, establecer sempre, ineludiblemente, un proceso de selección aberto, para elixir con transparencia en base a criterios obxectivos de mérito e capacidade ás persoas que provisionalmente ocupen a praza.

Manuel Ruiz recoñece que Suma Ribeira levaba razón e admite que o custe do equipamento do novo Auditorio tamén vai ser maior do orzamentado

Suma Ribeira cualifica de “rocambolesca” a situación xerada co proxecto do novo Auditorio e o gasto desproporcionado que vai supor ás arcas municipais respecto do suposto orzamento inicial de dous millóns e medio de euros que, polo de agora, xa ascende a máis de catro millóns e ao que hai que sumar un novo capítulo -xa denunciado tamén no seu momento por Suma Ribeira- co desaxuste na previsión do seu equipamento. 

Suma Ribeira lembra que no pasado pleno votou en contra dun crédito extraordinario de 75 mil euros para complementar a subvención da Deputación por importe de 300.000 euros, co que se faría fronte aos gastos de maquinaria, iluminación, etc da nova infraestrutura, por ser unha cantidade claramente insuficiente para as necesidades reais do Auditorio. 

Na súa intervención, o voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, asegurou que, sendo austeros, o orzamento real do equipamento iría ao dobre desa cantidade, cando menos 750.000 euros, e explicou que o propio Preámbulo do proxecto recollía xa esa realidade, recoñecía eufemisticamente que a previsión feita non sería suficiente. 

Para Suma Ribeira, non é de recibo que logo dese debate, o pasado luns o alcalde, Manuel Ruiz, recoñecera aos grupos políticos municipais que esta formación política levaba razón e que, posto en contacto coa empresa responsable do proxecto, esta confirmou que debía incrementarse a dotación inicial de recursos e, por tanto, o seu custe. 

“Ademais de que isto xa se vía a nada que se lera con atención o escrito do presuposto, non parece moito esixir que o Alcalde xa tivera aclarado o tema coa empresa adxudicataria antes de levar o tema ao Pleno”, afirma Ferrón, que xa advertira do debate, por exemplo, de que a iluminación prevista, con 16 focos, era “moi cutre” e de precisarse uns 70 focos -Rianxo, por exemplo, conta con 71 e Noia con 65- o custe sería duns 139.000 euros máis. 

Sobre a maquinaria, o voceiro de Suma Ribeira explicara que cada barra motorizada de elevación custa 5.175 euros, estando previstas só 4, cando en Noia ou Rianxo, por exemplo, hai 24, polo que de ser necesarias 24 barras máis suporían un incremento doutros 80.000 euros no orzamento. 

Suma Ribeira lamenta que, máis unha vez, Manuel Ruiz estea tentando enganar á cidadanía sobre un proxecto que hai ben tempo que se lle foi das mans e que vai supoñer un forte impacto nas arcas municipais, pois o propio alcalde recoñeceu tamén no pasado pleno que calquera alza sobre o orzamentado na subvención nominativa solicitada á Deputación vai ter que asumila o concello. 

Lamentablemente SR tamén debe dicir que este Auditorio Municipal, con importantes problemas dende o seu inicio, vai seguir sorprendéndonos ata o mesmo día da súa inauguración. “Temos dúbidas razoables sobre se todas estas radicais modificacións orzamentarias tamén están supoñendo realmente unha sorpresa para o Equipo de Goberno”.

Dosier de prensa:

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-barbanza/suma-ribeira-asegura-ruiz-confirmo-coste-auditorio-debera-elevar-dotacion-inicial-3363737

Mesa de violencia contra as mulleres… sen mulleres!

Unha Mesa contra a Violencia Machista exercida contra as mulleres… sen mulleres. Esta foi a surrealista proposta coa que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, deu comezo á orde do día do pasado pleno. Un pleno que se celebraba poucos días despois da xornada reivindicativa do 25N, demostrando, deste xeito, a falla de sensibilidade real cun tema tan delicado como a da violencia de xénero.

Para Suma Ribeira, esta proposta carece de sentido cando se exclúen da mesma ás asociacións feministas e forzas sociais implicadas, por máis que se trate unha Mesa Institucional, argumento esgrimido por Ruiz para xustificar que as «mulleres non pintan nada nesta Mesa».

O voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, lembrou que o modelo de Mesa proposto é un copia e pega do modelo deseñado pola Xunta para distintos concellos e que, nalgúns deles, como o de Ferrol, si se abriu a participación ás mulleres. Rexeitar tal punto obrigou a esta formación política a votar en contra deste acordo.

Máis compromiso, menos liturxia

Dende Suma Ribeira, consideran que é triste comprobar como os «Días De» acaban sendo, en moitos casos, meros rituais e declaracións de boas intencións que non serven de nada se só se quedan niso. Neste sentido, esta organización política lamentou tamén a falla de compromiso da equipa de goberno coas personas con diversidade funcional, e fai un chamamento, aproveitando a celebración o pasado día 3 do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, a aplicar políticas no concello que contribúan a instaurar de forma progresiva e real o principio de igualdade dos servizos, para xerar unha maior autonomía persoal universal, minorando as dificultades comparativas que teñen que afrontar nestes momentos estas persoas.

A este respecto, reivindican o cumprimento da iniciativa levada a pleno por Suma dunha proposición que contou co respaldo unánime da corporación, pola que o goberno se comprometía a adquirir uns compromisos concretos para á mellora da mobilidade e acessibilidade no concello, xunto cun compromiso de auditoría periódica dos investimentos executados neste campo.

Suma Ribeira, a través de seu concelleiro, Xurxo Ferrón, presentara esta iniciativa “dende o convencemento de que son necesarias medidas concretas, non só xenéricas, de cara a procurar a equiparación de dereitos que permita falar dunha integración real das persoas con discapacidades e en todo o municipio, e a prol do principio de igualdade de oportunidades”.

Non obstante, transcorridos varios meses, nin os orzamentos aprobados por PP e PSOE para este ano recollen verdadeiras actuacións ao respecto nin se acometeron grandes melloras por parte da equipa de goberno, malia as eivas denunciadas varias veces por Suma Ribeira, documentadas con imanes gráficas, de distintas infraestructuras non adaptadas para a mobilidade de todas as persoas.

A proposta de Suma Ribeira -que esta formación agarda non fique en papel mollado e en “acordo incumprido”, como soe acontecer con moitas das iniciativas que son apoiadas de cara á galería pero logo non se efectivizan-,  recollía unha serie de actuacións concretas coas que solventar unha lexislación e principios básicos “que se veñen amosando insuficientes para que quen ten discapacidades vexa diminuir as diferenzas no cotián con quen nos as padece”.

Entre estas medidas, cómpre salientar:

  1. Firme compromiso de cumprir “o nivel cero” en todos os pavimentos de nova construcción, así como a revisión e posterior adaptación dos existentes.
  2. Aplicación firme da actual Lei de Accesibilidade, que imposibilite a exclusión de ningunha veciña a establecimentos públicos ou privados, independentemente do estado da súa discapacidad
  3. Revisión de ramplas invasoras nas vías públicas
  4. Revisión das baixantes de todas as beirarrúas e que sexan dotadas todas dun sentido de retorno
  5. Sinalización das entradas de garaxes con cambios de pavimentos ou sinais fluorescentes para unha maior autonomía das persoas con problemas visuais
  6. Revisión dos pasos de peóns e estudo do pintado de sinalización con pictogramas nos pasos próximos aos colexios para a integración das persoas autistas ou con discapacidade intelectual
  7. Incorporación de semáforos acústicos
  8. Incorporación de vehículos adaptados no transporte público
  9. Favorecer o acceso ás praias, incorporando tamén mecanismos que fagan efectivo o goce do baño para as persoas con mobilidade reducida. Valorizar os areais do municipio como Destino Turístico de Integración
  10. Revisión de parques infantís, incorporando mecanismos e xogos adaptados a todos os grupos infantís
  11. Potenciar rutas de sendeirismo inclusivas e adaptar sempre que sexa posible as rutas xa existentes
  12. Adquirir libros para as bibliotecas adaptados a todo tipo de lectores
  13. Avanzar no superación do cumprimento, máis do legalmente establecido, das prazas de emprego reservadas a estes colectivos.
  14. 14. Inclusión nos orzamentos dun capítulo que explicite a cantidade e porcentaxe do investimento en infraestructuras adicadas á diminución de barreiras á accesibilidade. Mención explícita no Informe de Intervención Anual da Conta Xeral do orzamento executado nadiminución das ditas barreiras.

Suma Ribeira levará a pleno a adopción de medidas que garantan o uso consensuado por todos os grupos do grafismo e topónimo do concello

Suma Ribeira levará a pleno unha iniciativa parar reclamar que se adopten as medidas necesarias para acadar o maior consenso no uso e difusión dos símbolos gráficos oficiais do concello, nomeadamente do seu topónimo: Ribeira.

A proposta a debate inclúe que, no prazo máximo de tres meses, sexa presentada ao pleno unha moción na que se decida a simboloxía a seguir referente ao topónimo Ribeira en todo tipo de actuacións da corporación municipal, equipo de goberno e alcalde.

En tanto a citada moción non sexa debatida e votada, Suma Ribeira -a través desta proposta- quere instar ao alcalde e goberno municipal a que interrompa os orzamentos na difusión do topónimo sen o “be” que está tentando “consagrar pola porta de atrás”, sen o debido debate e consenso por parte de todos os grupos da corporación.

Suma Ribeira lembra que durante moitos anos foron abondosas as discrepancias sobre se o topónimo do concello debía escribirse con “B” ou con “V”, malia que se trataba dun conflito Lingüistico artificial, baseado máis en “emocións” que na realidade científica, que establece como único topónimo filoloxicamente recoñeceido e, por tanto, de uso obrigatorio Ribeira, con B.

Malia esta realidade, Suma Ribeira recorda tamén cómo o alcalde, Manuel Ruiz, facendo uso das amplas atribucións que lle outorga, a máis de outras, a “Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local”, decidiu “investir” diñeiro municipal na elaboración dun estudo pola Real Academia Galega.

Os resultados do dito estudo foron presentados nun acto solemne o 3 de marzo de 2020 e o único topónimo recoñecido, en base a estudos realizados ao longo da historia segundo criterios de consenso na filoloxía, é RIBEIRA. No citado acto, sen embargo, decidiuse situar na mesa unha maqueta na que non pon RIBEIRA, senón RI#EIRA, co que o alcalde deu por solucionado o aspecto legal, por unha banda, e contentou, por outra, aos “uvistas”.

Suma Ribeira denuncia como, dende entón, progresivamente, «tivemos que contemplar como se estaba investindo diñeiro e horas de traballo na opción unilateral de espallar polo concello e medios de comunicación o grafismo “RI#EIRA”. En SumaRibeira non acertamos a relacionar esta actuación co que escoitamos con asiduidade por parte do goberno municipal referente á continua chamada ao consenso de todos os grupos da corporación”.

Para Suma Ribeira, esta política de “consagración pola porta de atrás” do topónimo sen “be” nin“v”, como se pode ver mesmo estes días coa campaña do CIM de cara ao 25 de Novembro, pode prantexar os seguintes problemas, e de aí a necesidade dunha moción como a que vén de rexistrare esta formación política.

– Que acontecerá o día que por avatares democráticos saia elixida unha alcaldesa ou alcalde cun equipo de goberno en desacordo coa simboloxía e maneira de proceder seguida para“institucionalizar” o grafismo RI#EIRA?.

– Que custe económico para o concello tería nese caso a decisión tomada por “consenso” entre o alcalde e o equipo de goberno?

– Que custe en impacto publicitario podería ter reimplantar un novo deseño para o noso topónimo?

Suma Ribeira critica o paso dunha das etapas do Rally Ribeira- Ría de Arousa pola zona perimetral do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

Suma Ribeira amosa a súa preocupación polos danos que pode xerar o paso dunha das etapas do Rally Ribeira-Ría de Arousa pola zona perimetral do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, unha zona protexida polo seu valor paisaxísito e ecolóxico que se verá afectada pola contaminación acústica, gases contaminantes e a alta densidade de persoas que se prevé acudan a ese tramo para seguir a carreira.

Suma Ribeira lembra que xa amosou o seu rexeitamento en Pleno á proposta dunha modificación orzamentaria para dotar a esta proba dunha axuda de 20.000 euros, sorprendéndonos que o Equipo de Goberno apostase por unha actividade que degrada o Medio Ambiente, ademais de non propocionar a información necesaria sobre o retorno económico que vai supor para o concello nin sobre o trazado; temendo que se poidera dar o caso de que, como agora se confirma, tivese un efecto moi negativo na contorna natural do municipio.

O rally, que se celebrará esta fin de semana, en xornadas de sábado e domingo, inclúe unha proba cun tramo que transcorre durante aproximadamente un kilómetro pola zona perimetral do Parque Dunar, dende o lugar de Goda, na parroquia de Artes, ata as inmediacións do edificio do Centro de Interpretación, e de alí desviase cara o parque periurbán de San Roque, subindo bordeando o Monte da Cidade.

Para Suma Ribeira, resulta evidente que o trazado previsto non é o máis idóneo para preservar o que é unha das xoias do patrimonio natural do concello. Consultados expertos ornitólogos comentáronnos que incluso se avistou nestes días un voitre, precisamente durante a temporada de paso da cola de aves migratorias, “polo que dende Suma Ribeira cremos que este percorrido amosa desconsideración pola flora e a fauna do Parque Natural”.

Dosier de prensa:

Suma Ribeira declina participar institucionalmente na homenaxe ás vítimas da Covid organizado sen vocación de consenso entre a alcaldía e a Asociación de Amas de Casa

Suma Ribeira quere facer público o seu máximo respecto e recoñecemento a todas as vítimas da COVID, tanto ás que perderon a vida como ás que están a padecer secuelas da enfermidade, así como aos profesionais que estiveron e están nun alto nivel de exposición ao contaxio (persoal sanitario, empregados de supermercados, persoal docente…) traballando, ademais, con altas taxas de estrés e condicións precarias en moitos casos.

Suma Ribeira considera que a excepcionalidade do vivido durante a pandemia merece o recoñecemento de todas, sen ningún tipo de cuestionamento nin de apropiación por parte de ningunha forza política nin social.

Desde a nosa organización, estamos certos de que a maioría dos veciños e veciñas sinten a mesma solidariedade ca nós e aplaudirán calquera mostra de recoñecemento ás vítimas, mais sempre que nazan dende o consenso e coa vocación de universalidade que lle son propias a este tipo de homenaxes.  

O acto ao que fomos convidados o próximo sábado día 23: “Acto de Homenaxe ás Vítimas da COVID”, que terá lugar ás 18,30 horas na Praza de España do concello, organizado entre o Goberno Municipal e a Asociación de Amas de Casa, non semella respectar nin fomentar esta desexable unión e harmonía da nosa cidadanía diversa, nin das distintas forzas sociais e políticas da vila. Non é un acto nacido entre todos e todas. Non é un acto, sen dúbida xusto e necesario, de Ribeira como pobo. 

Lamentamos, máis una vez, este xeito excluínte de proceder por parte da Alcaldía, que nos fixo chegar a comunicación o pasado martes a última hora, tras a súa presentación ante os medios. Non obstante, por responsabilidade e compromiso social, apoiamos a homenaxe, mais declinamos participar institucionalmente no mesma.

Dosier de Prensa

Suma Ribeira levará ao próximo pleno a constitución dunha Mesa Municipal do Transporte Público

Suma Ribeira, ante a situación que está a padecer o concello -xunto a tantos outros do país- dun insuficiente e ineficiente transporte público, defenderá no próximo pleno:

1- Que se constitúa unha Mesa Municipal do Transporte Público, aberta á participación de todos os partidos políticos e forzas sociais.

2- Que se lle dote dos medios necesarios para a elaboración dunha análise exhaustiva sobre a situación actual do transporte público municipal e intermunicipal.

3- Que se elabore un proxecto a curto, medio e longo prazo, que estableza o itinerario a seguir na procura dun transporte público de calidade que dea resposta eficaz ás necesidades reais da nosa poboación e contribúa á redución da contaminación, así como á concienciación e sensibilidade medioambiental das nosas veciñas e veciños.

Para Suma Ribeira, o concello, como institución máis próxima aos cidadáns e cidadás debe dar exemplo e, por tanto, debe ser quen vele e fomente polo uso do transporte público, para o que debe garantir que os servizos do mesmo: horarios, puntualidade, itinerarios, frecuencias, accesibilidade, renovación de frota sexan os acaídos ás necesidades da vila e da poboación.

A través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira lembrará no pleno as moitas e beneficiosas repercusións de ter e usar un transporte público de calidade, entre elas:

– O fomento da equidade social, contribuíndo á diminución da exclusión social.

– Potenciación do equilibrio territorial, facilitando a comunicación ás zonas con menor densidade de poboación.

– Favorece a autonomía das persoas con problemas de mobilidade.

– Reduce a conxestión na circulación de vehículos e do número de accidentes de tráfico. 

Reduce a contaminación ambiental, e implicación persoal na colaboración coa mesma.

– Posibilita a redución do tráfico nos centros das vilas e facilita a creación de zonas de preferencia peonil.

Segundo Suma Ribeira, malia que “vén sendo un problema crónico no noso concello -e non só do noso concello- a falla dun transporte público que cumpra cuns necesarios estándares de calidade”, resulta preocupante ver cómo ultimamente medran as queixas e críticas xustificadas sobre a prestación deste servizo público, de aí que urxa a adopción de medidas.

“Somos conscientes de que estamos falando dun tema sensible, e de que a preocupación pola necesaria mellora do noso transporte público é compartida por esta corporación, á que xa lle chegaron varias iniciativas ao respecto”. Non obstante, cómpre seguir traballando e facer unha análise exhaustiva da situación actual, cun estudo das necesidades reais da poboación, coa participación de todos os partidos políticos e forzas sociais para deseñar unha planificación realista e eficaz do que a curto, medio e longo prazo debe ser o transporte público de todas. 

¡Damos Conta(s)!

Suma Ribeira, en cumprimento co seu programa e principios polos que se rexe, fai públicas a través desta información as súas Contas do pasado exercicio 2020, tanto no que atinxe á dotación percibida polo concello, que lle corresponde por ter obtido unha acta de concelleiro nos últimos comicios, como a xustificación de gastos nos que se investiron os cartos.

A transparecia é un dos eixes vertebradadores da política de Suma Ribeira, básico en todos os eidos da acción política, pero sobre todo cando se está a falar da administración de cartos públicos, da dotación que as organizacións perciben para dar cumprimento aos compromisos que adquiriron cos seus votantes.

Saúde Democrática

Dende Suma Ribeira, lamentan que esta práctica tan sa para a vida democrática non estea entra as prioridades do equipo de goberno de Ribeira, liderado por Manuel Ruiz, nin na súa forma de facer política, nin tan siquer ante proxectos tan importantes como o de Orzamentos, como se puxo de manifesto na surrealista negociación dos mesmos, tan só co grupo socialista, e no agrio debate no que saíron adiante cos votos da nova coalición PP-PSOE asinada ate o 2023.

Doazón

Sobre as contas percibidas en 2020, algo máis de 9.000 euros, Suma Ribeira quere resaltar o 30 por cento que decidiron doar a partir do mes de maio ate o mes de decembro, para contribuír a paliar as consecuencias da pandemia entre os máis afectados e afectadas. Esta situación de excepcionalidade social fixo que tamén o seu voceiro, Xurxo Ferrón, aportase a mesma porcentaxe, durante o mesmo período, co mesmo fin.

Outro dos aspectos a salientar pola organización, é, máis unha vez, a súa austeridade, co obxecto de investir só no necesario e ficar cun mínimo remanente que permita facer fronte a calquera imprevisto ou proxecto que se considere de interese, sen dependencias de entidades bancarias nin endebedamentos.

*Adxuntamos PDF coa documentación obtida vía Rexistro da que se extraen os datos das infografías