Suma Ribeira pide ao alcalde, Manuel Rivas, que non minimice a sentenza contra a legalización da Gasolineira de Xarás

En SumaRibeira tivemos onte constancia de que o Tribunal do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela fallou en contra das pretensións de legalización da Gasolineira de Xarás, que procuraban o Concello (por decisión do Alcalde e Xunta de Goberno), XARAS S.L. e PUNTOS BAJO COSTE SL.

Consideramos que esta Sentenza, recorrible ante o Tribunal Superior de Galicia, é contraria ao interese do Alcalde e Xunta de Goberno, e moi probablemente tamén contraria ao interese económico do CONCELLO. Nesta dise, entre outras relevantes críticas ao proceso de recursos que “XARAS SL inicia un procedimiento de subsanación de discrepancias catastrales que, a decir de la actora, tiene una finalidad fraudulenta que no es otra que eludir el cumplimiento de la sentencia firme que, anulando la anterior licencia de obras, ordenaba la demolición de lo ilícitamente construido

Discrepamos e rexeitamos a estratexia política do alcalde, consistente en minimizar a importancia dunha sentenza adversa, buscando con elo maquillar este feito para que as veciñas apracen a súa preocupación polo tema ata a resolución do recurso polo TSXG, que con toda seguridade terá lugar pasadas as eleccións, constituída a nova corporación municipal e elixido o novo alcalde.

O alcalde e o PP quixeron convencernos da boa dixestión que teríamos aprobando os Orzamentos que o Goberno Municipal que xa tiña practicamente executados [[menosprezando proposicións de SumaRibeira aprobadas polo Pleno e mesmo actuacións comprometidas con nós]], e burlándose da obxectividade din, por exemplo, que comprometíamos economicamente á Corporación que sairá elixida nas eleccións de Maio. Quítanse eles mesmos a razón, coa postura esquiva coas garantías xurídicas do Equipo de Goberno actual e anterior, pois posiblemente sexan elas e eles as que coas súas decisións hipotequen  á futura Corporación coas indemnizacións por danos e prexuízos que se deriven do fallo ao recurso municipal do TSXG.

O alcalde mantén que dende o 2014 que comezou o primeiro expediente non tivo nunca ningún tipo de relación directa nin indirecta coa conflitiva gasolineira, son el e “as súas” Xuntas de Goberno os responsables políticos únicos de que este tema chegara a este punto de incerteza e preocupación para toda a corporación e veciñanza de Ribeira.

P.D:

Temos coñecemento das seguintes Dilixencia e Oficio do XDO. CONTENCIOSO/ADMTVO. N. 1 SANTIAGO DE COMPOSTELA”, que é de supoñer que en coherencia coa súa estratexia decidirán tamén recorrer A Xunta de Goberno Municipal e o Alcalde:

“DILIGENCIA DE ORDENACIÓN LETRADO/A DE LA ADMINISTRACIÓN DE JUSTICIA” do “Procedimiento: EJD EJECUCION DEFINITIVA 0000008 /2021 PO PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000425 /2014 Sobre ADMON. LOCAL” relativo á continuación do Proceso de Execución de Sentenza.

– Oficio relativo a : 

… “Comunicarle la continuación de la ejecución forzosa de la sentencia de fecha 28 de junio de 2016, confirmada por el TSJG el 18/06/19”…

…. “Requerirle a fin de que en el plazo de 10 DÍAS proceda a dar cumplimiento a la sentencia en sus estrictos términos acordando la inmediata clausura de la actividad bajo la directa responsabilidad del Excmo. Sr. Alcalde-Presidente del Concello de RIBEIRA e informe de las medidas que se han adoptado para cumplir dicha resolución”…

…. “Comunicarle que, en caso de incumplimientoSe podrán imponer multas coercitivas de CIENTO CINCUENTA a MIL QUINIENTOS EUROS (150 a 1.500 euros) a las autoridades, funcionarios o agentes, sin perjuicio de otras responsabilidades patrimoniales a que hubiere lugar”…. .

Ordenación dos espazos públicos da hostelería, sanidade e feísmo urbano centrarán as propostas de Suma Ribeira no pleno deste xoves

A sanidade pública, a través dunha iniciativa conxunta en apoio da ILP promovida por SOS Sanidade Pública para garantir a calidade asistencial da Atención Primaria máis a regulación do uso dos espazos públicos de hostelería e a adopción de medidas para atallar o feísmo urbano no concello serán os eixes de debate das iniciativas presentadas por Suma Ribeira ao pleno ordinario que se celebrará mañá xoves.

A orde do día inclúe tamén unha moción do goberno relativa precisamente á ordenación das terrazas, que chega a pleno sen que se debatira aínda a proposta de Suma Ribeira ao respecto, presentada xa na anterior sesión pero que ficou aprazada.

Suma reclama que se reúna á maior brevidade a Mesa de Mobilidade para garantir que a regulamentación destes espazos priorice á xente que camiña a pé e se favoreza a equidade, de tal xeito que os espazos públicos tamén sexan lugares propicios para o encontro, desfrute e convivencia entre veciños e veciñas que non queiran consumir nun establecimento.

Co mesmo obxectivo, en certo sentido, de camiñar cara un concello o máis acolledor e humanizado posible, o voceiro Xurxo Ferrón poñerá enriba da mesa unha iniciativa para a adopción de medidas que poñan fin ás prácticas de abandono de moitas edificacións, prácticas que están a crear un problema de auténtico feísmo urbano en Ribeira.

Suma Ribeira reclamará en pleno un Programa estratéxico municipal de fomento do alugueiro residencial

Ribeira, 25 marzo de 2022.- Suma Ribeira defenderá no próximo pleno a elaboración dun Programa Estratéxico Municipal de Fomento do Alugueiro Residencial, aberto ás achegas dos diferentes grupos e axentes sociais implicados, que inclúa, entre os seus principais obxectivos:

  1. A procura dunha solución habitacional digna e a un custe asequible, que non po- derá superar os topes máximos que estableza o concello, dirixida prioritariamen- te a sectores de poboación con especias dificultades para exercer o seu dereito á vivenda, entre os que se terán en conta os seguintes:
  • Persoas ou unidades de convivencia en situación de exclusión social.
  • Xoves menores de 35 anos. Sector de interese engadido para posibilitar a súa eman- cipación e residencia dentro do noso concello.
  • Mulleres vítimas de violencia de xénero.
  • Persoas maiores e familias con diversidade funcional.
  1. Os orzamentos municipais contarán cunha partida económica dedicada ás axudas municipais incentivadoras para que a propiedade poña vivendas a disposición do Pro- gramaMunicipal de Alugueiro. O seu importe anual será determinado específica e ines- cusablemente na aprobación dos Orzamentos Xerais Anuais.
  1. Estableceranse axudas para a renovación de vivendas cando a propiedade teña pro- blemas obxectivos para facer fronte aos gastos das obras necesarias para que a viven- da poida cumprir cuns mínimos de habitabilidade. Con esta finalidade haberá unha liña de créditos reintegrables sen intereses, para potenciar a posta a disposición dunha bol- sa de vivendas con intermediación municipal, tanto para a obtención do Certificado de Eficiencia Enerxética como para a elaboración, no seu caso, do proxecto técnico nece- sario.
  2. Asemade, para facilitar a consecución dos fins propostos, o Programa Municipal de Fomento do Alugueiro conterá outras medidas de promoción á integración de vivendas no mesmo.

Esta iniciativa ficou pendente da orde do día do último pleno ordinario celebrado antes do período vacacional. Na orde da sesisión do próximo luns, Suma Ribeira tamén inclúe outra moción que ten por obxecto a regulación da utilización do uso dos espazos públicos, abordando específicamente a ordenación das terrazas de hostalería.

Con este fin, Suma reclama que se reúna á maior brevidade a Mesa de Mobilidade, na que proporá que a regulamentación dos espazos priorice á xente que camiña a pé e se favoreza a equidade para que os espazos públicos tamén sexan lugares propicios para o encontro, desfrute e convivencia entre veciños e veciñas que non queiran consumir nun establecimento.

Suma Ribeira acusa a Manuel Ruiz de coaccionar á oposición para que vote en pleno a favor de iniciativas das que non foi previamente informada

Suma Ribeira quere facer público o sea malestar, non só polo incumprimento de moitos temas aprobados no pleno, senón tamén polo costume que o alcalde, Manuel Ruiz, ten de anunciar a través dos medios de comunicación determinados asuntos antes de ser tratados e debatidos no Pleno, dando xa por zanxada a cuestión e asumindo que van ser aprobados co respaldo de todos os grupos.

«Desde Suma Ribeira descoñecemos se esta estratexia lle sirve para aparentar unha forza que non ten, pois está gobernando en minoría, ou pretende coaccionar á oposición para que non lle levemos a contraria ao que el propón», no que supón unha nova falla de respecto e lealdade por parte de Ruiz e toda a equipa de goberno cara a oposición e, por ende, ás veciñas de Ribeira, «e xa van moitas».

Para Suma Ribeira, este «modus operandi» do alcalde e do seu grupo, de apelar á «responsabilidade política» cando o que se está a pedir á oposición é un «auto de fe para que tapemos o nariz e lle aprobemos uns presupostos non consensuados e con moitos puntos que rexeitamos plenamente, así como continuos créditos para pagar os déficits da súa nefasta e derrochadora política de adquisición e construcción de inmobles que nos hipotecan para varios gobernos», o que realmente está a facer é un «uso abusivo» das «excesivas prerrogativas que, dende o noso punto de vista, ás leis lle outorgan».

Suma Ribeira pide a rectificación das declaracións feitas por Víctor Rairiz acusando a Xurxo Ferrón do mal estado do camiño veciñal da Pedrosa

Suma Ribeira esixirá no próximo pleno que se rectifiquen as afirmacións feitas polo concelleiro do PP Víctor Reiriz na sesión do pasado 27 de xuño, nas que viña a acusar ao voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, de ser o responsable das “malas herbas” que tapan media estrada do camiño veciñal da Pedrosa, en Carreira. 

Ferrón, a través do rexistro dun Rogo, solicita que se deixen claros os feitos con toda a obxectividade e datos contrastables ou se lle permita tomar a palabra para presentalos sen sesgos nin a manipulación interesada na que incurriu o concelleiro do PP, co obxecto de que este corrixa as súas palabras e o dano feito inxustamente tanto a esta organización politica como á familia do seu portavoz.

Cómpre lembrar que Xurxo Ferrón abandonou a sala durante o debate da iniciativa sobre o arranxo do dito camiño, coa conseguinte indefensión e dereito a réplica ante unhas declaracións que non transmitiron a realidade, pois o voceiro de Suma lembra que no momento no que construíu a súa vivenda, lindante co camiño obxecto de debate, cumpriu coas indicacións feitas polo concello e depositou a fianza presupostada para asegurar a urbanización dese entorno, fianza “que nunca foi devolta nin reclamada pola propiedade”.

Para Ferrón, non é de recibo que Reiriz omitira este dato tan relevante cando fixo a súa alusión directa ao concelleiro de Suma nos seguintes termos: “ Xurxo Ferrón fixo un retranqueo de dous metros e pico… no futuro, as ordenanzas deben recoller que cando se fai retranqueo debe repararlo a persona que cede… e non teriamos este problema agora, que ao quedar con terra e onde nace máis maleza… as herbas inclínanse e tapan media carretera”.

Incendios Forestais

Cada vez que se producen vagas de incendios, porque incendios hainos todos os anos, xérase na opinión pública un debate no que todas, por diferentes razóns, nos achamos concernidas. Os medios informan? promoven debates, publican artigos, opinións (interesadas moitas veces e outras que adoecen dunha mínima reflexión). Chegadas as choivas esquécese o tema ata que volva resucitar na vaga seguinte. É obvio que ao común da xente, máis alá das pestes que botan contra os incendiarios, as mafias do lume (que ninguén demostrou que existiran) e a preocupación pasaxeira pola desfeita e polas persoas afectadas o problema queda esquecido en canto o lume se extingue.

Mais alá das causas que manexan os opinadores sobre por que se producen os incendios (cambio climático – cada vez máis presente como causa, cando hai uns anos se negaba, polos que agora se aferran a el como a un cravo ardendo- , abandono do rural, estrutura da propiedade, falla de medios para a extinción -que nos digan cantos medios se necesitan e canto custarían-, os negocios do lume… (non negamos que as causas que reflectimos teñan a súa influencia, para que conste); cremos necesario un debate sobre por que chegamos á situación actual e para iso é necesario facer un pouco de historia.

Rematada a Guerra Civil, entre os moitos atropelos que se cometeron queremos destacar, no que atinxe ao tema que tratamos, a usurpación dos montes comunais en man común aos veciños que comunitariamente, durante xeracións, exerceran o seu usufruto. A propiedade pasou aos Concellos, xa no Catastro do ano 1959 aparecían como propietarios.

No ano 1942 iníciase a Repoboación Forestal a base de piñeiros e eucaliptos, modifícase o territorio de Galiza que ata esa data tíñao perfectamente ordenado. A harmonía no rural conxugaba a explotación agraria, o aproveitamento forestal, o pasto para o gando, os recursos hidráulicos… Non había vagas de incendios.

Esta política de repoboación con especies foráneas e pirófitas afóndase coa creación do ICONA (pasa a xestionar os montes) e coa instalación de ENCE na parroquia de Lourizán.

Chegada a democracia, os montes comunais en man común son devoltos aos seus lexítimos propietarios pero a política forestal non mudou, unha política economicista e curtopracista fomentada dende o poder político para favorecer á industria pasteira e madeireira. Industrias que teñen ao seu dispor influencia política abondo como para que un Presidente do Goberno en funcións (Mariano Rajoy) amplíe en 60 anos a concesión dos terreos de Lourizán. Non é cousa menor que no Consello de Administración de ENCE figuren unha exministra de Medio Ambiente (Isabel Tocino) e o exconselleiro da Xunta do mesmo ramo (Carlos del Álamo).

No ano 1992, aprobouse o Plan Forestal Galego que facía unhas previsións de como sería o monte galego no ano 2032.

O Plan Forestal prognosticaba o seguinte: no ano 1932, 732.000 hectáreas de coníferas, 245.00 de eucaliptos, 218.000 de castiñeiros e 185.000 doutras frondosas.

A realidade é que no ano 2009, e segundo os datos do inventario forestal, o monte galego tiña:

400.000 hectáreas de coníferas, 26.000 de castiñeiros, 283.000 de eucaliptos (máis que o previsto para o ano 2032). Na actualidade o eucalipto supera as 330.000 hectáreas. Das outras frondosas (carballos, rebolos, bidueiros…) houbo un crecemento maior do esperado que se debeu, segundo os investigadores da USC Eduardo Corbelle e José María Tubío ao abandono do rural e a unha expansión natural á marxe de calquera xestión forestal.

Á vista dos datos, diminúen as coníferas, non se acadan os prognósticos a respecto dos castiñeiros, as frondosas medran á marxe da xestión forestal e o eucalipto a día de hoxe excede en 130.000 hectáreas o que se prevía para 2032.

No ano 2021, o Parlamento de Galicia aprobou, os días 23 e 24 de febreiro, o documento da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 co rimbombante título de “Cara á neutralidade carbónica”. Servirá para algo ou será papel mollado como o Plan do ano 1992?

Ata aquí, un resumo histórico do acontecido nos montes de Galicia. Crémolo necesario para poder opinar con coñecemento sobre o problema dos incendios.

Máis alá das causas que se manexan para tentar explicar as vagas de incendios que asolan o País, queremos poñer enriba da mesa unha causa que non se manexa moi habitualmente e que nós consideramos fundamental. Aproveitamos un aserto do botánico galego nado en Tirán e que desenvolveu a súa carreira profesional en Madrid, Santiago Castroviejo Bolívar: “… a gasolina está espallada polo País, só queda o despiste dunha cabicha, un lóstrego ou un tolo…”

Os opinadores, articulistas interesados, e mesmo opinións defendidas pola industria só teñen ollos para un anaco do aserto de don Santiago. Pousan a vista na cabicha, no lóstrego ou no tolo e obvian o fundamental, a gasolina.

Unha cabicha, un lóstrego ou un tolo (co significado que os galegos damos comunmente a esta palabra) nunca provocarían un incendio se non houber a gasolina que o fornece. Eis o substantivo, a gasolina.

A resposta política “á gasolina”, foi crear as brigadas forestais (as que dependen dos concellos, en moitos casos, creanse cando xa o verán vai minguando). As brigadas actúan maioritariamente na extinción e non en evitar os incendios. Investimos unha morea de cartos públicos en contratar medios aéreos de empresas privadas que viven do lume. Prevención ningunha. E mentras, o territorio devastado por uns incendios cada vez máis virulentos e que provocan en moitos casos a perda de vidas e facendas (vivendas e vidas rotas), inseguiridade dos que viven rodeados de “gasolina”, futuro negro como o rastro que deixan os lumes se non tomamos cartas no asunto.

O problema dos incendios é de todos nós, vivamos no rural ou nas cidades, teñamos ou non interese económico nos montes, porque é un problema de ordenación do territorio no que vivimos e debemos ter algo que dicir.

*Fotos autoría Oscar Corral_El País / Diario de Arousa / Marcos Creo_La Voz de Galicia

* Este artigo foi publicado no xornal O Barbanza

Psoe e Suma Ribeira non participaremos esta noite no acto inaugural das festas

  • As dúas formacións decidimos facer público un comunicado conxunto explicando os motivos polos que nos ausentaremos do inicio simbólico das festas, que é a leitura do seu pregón, pois estamos absolutamente en contra da persoa elixida.
  • As dúas formacións políticas lembran que sobre esta persoa hai sentenzas firmas na súa contra por ter feito acusacións falsas contra o xornalista Máximo Pradera, como telo acusado de maltratador, e por agresións físicas e verbais.
  • Os dous grupos da corporación de concello de Ribeira consideran que alén de cuestións ideolóxicas, o pregoeiro/a debe ter demostrado ser unha persoa respectuosa cos valores e dereitos democráticos.

As organizacións políticas abaixo asinantes queremos manifestar o noso desacordo e rexeitamento coa persoa elixida como pregoeiro das festas de Ribeira.

Consideramos que a pregoeira das Festas debe ser unha persoa que, máis aló de consideracións ideolóxicas, sexa respectuosa e defensora de dereitos e valores democráticos. 

Este pregoeiro realizou declaracións públicas nas que acusou ao periodista Máximo Pradera de maltratador, por telo agredido verbal e fisicamente. Estas manifestacións, segundo sentenza da Audiencia de Madrid confirmada o polo Tribunais Supremo e ratificada o pasado mes de febreiro polo Tribunal Constitucional, foron feitas “con conocimiento de que lo transmitido era falso, o con manifiesto desprecio hacia la falsedad de la noticia”, dicindo ademais a sentenza que “ha comunicado una serie de circunstancias, fácticas y no fácticas, con conocimiento de que lo transmitido era falso o con manifiesto desprecio hacia la falsedad de la noticia, sustituyendo una verdad objetiva, empíricamente constatable, por una verdad subjetiva”… “por lo que hace a la emisión de juicios de valor, al comunicador se le exige también la obligación de respetar la buena fe”.

Á vista dos feitos reflectidos, democraticamente incontestables, queremos facer público que lamentablemente, de confirmarse a participación desta persoa como pregoeiro, non imos participar no acto inaugural das Festas de todas as ribeirensas e ribeirenses.

Asinado: 

Grupo do PSdeG-PSOE

Grupo de Suma Ribeira 

En Ribeira, a 2 de agosto de 2022

Pleno-Suma Ribeira defenderá a eliminación das construcións de telefonía obsoletas en Palmeira e Corrubedo

Ribeira, 25 Xullo 2022.Suma Ribeira defenderá no pleno de mañá martes unha nova iniciativa que ten por obxecto contribuir a pór freo ás construcións obsoletas que o único que aportan é feísmo urbanístico ao concello, como a construción telefónica situada na Praza do Rueiro de Palmeira e en Corrubedo.

Para Suma Ribeira, é fundamental iniciar os trámites necesarios para suprimir as ditas construcións e, no caso de que isto non fose legalmente posible, realizar as xestións necesarias para reducir en todo o posible as súas dimensións e impacto visual.

A través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira recoñece que algúns “espantallos urbanísticos teñen difícil solución a curto e medio prazo, pero tamén pensamos que nos últimos trinta e pico anos de gobernos municipais do PP (ou de AP), moi pouco se fixo á hora de executar solucións factibles que eliminasen ou paliasen algunhas desfeitas consolidadas na actualidade”.

Neste sentido, conscientes das complexidade que requiren algunhas actuacións, Suma Ribeira decidiu centrarse nalgúns exemplos concretos que si pensan se poden erradicar ou mellorar, e de forma urxente, para facer Ribeira máis atractiva e amable para a cidadanía. Trátase das construcións que no seu día tiveron xustificación para a cobertura dos servizos de telefonía e electricidade, pero que se permitiron levantar tamén sen un mínimo decoro. 

“Dende Suma Ribeira cremos que actualmente poden ser suprimidas, trasladadas ou reducir significativamente o seu volume, pois presentan unhas dimensións inxustificadas e inxustificables coas solucións tecnolóxicas que se veñen desenvolvendo hai decenios, tanto no campo da informática como das infraestruturas que facilitan as comunicacións e o transporte de enerxías”.

A organización política fala concretamente das instalación que aínda perduran en Palmeira e Corrubedo. 

“Pensamos que sería unha interesante e necesaria contribución ao restablecemento da harmonía da Praza do Rueiro de Palmeira actuar sobre a construción que unha empresa de telefonía posúe nesta praza, ocupando unha parte considerable da mesma”.

Seguindo a mesma liña, Suma Ribeira refírese tamén ás torres levantadas no seu día para apoiar infraestruturas de subministro de luz ou teléfono e que rachan as vistas, ás veces dende longas distancias, nomeadamente a situada a carón do emblemático e atractivo entorno do faro de Corrubedo, convertido recentemente en punto de partida do Camiño da Orixe.

Ante o exposto, a iniciativa rexistrada por Suma e que ficou pendente da orde do día do pasado pleno, proporá:

1. Iniciar os trámites necesarios para erradicar a citada torre situada preto do Faro de Corrubedo.

2. Iniciar os trámites necesarios para suprimir a construción citada situada na Praza do Rueiro de Palmeira. Sempre e cando esto non fose legalmente posible, realizar as xestións necesarias para reducir en todo o posible as súas dimensións e impacto visual.

3. Elaborar un plan de actuación a medio prazo, no que se contemplen as estruturas do tipo das dúas descritas que, en base ao seu negativo impacto na harmonía e calidade de vida, e na viabilidade das posibles solucións, aconsellen actuar na humanización do concello.

** Xuntamos:

Texto íntegro desta iniciativa

Texto da Proposición sobre Alugueiro Residencial que tamén entra na orde do día

Pleno extraordinario sobre a gasolineira de Xarás

O goberno municipal do concello de Ribeira vese obrigado, tras o último auto xudicial, a celebrar mañá mércores día 20 un pleno extraordinario monográfico sobre a situación procesal actual do expediente da Gasolineira de Xarás.

O referido auto é, como todas as sentencias anteriores, contrario ás pretensións do concello, de aí que Suma Ribeira, así como os restantes grupos da oposición, consideremos urxente e necesario este pleno que, agardamos, sirva para clarificar todas as dúbidas que xurden sobre este proxecto.

Para esta formación, tamén é fundamental que os grupos poidan expresar cal é a súa opinión sobre o tema, pois, lonxe de querer ser agoiros, todo apunta a que o Concello teña que indemnizar á Empresa «Puntos de Baixo Coste» por conceder licenza para a Construción da Gasolineira sen axustarse á Lei, segundo reflicten as sentenzas ata o de agora dictadas.

Suma Ribeira defenderá no próximo pleno Programas de dinamización cultural e de entretemento para os ingresos prolongados no Hospital

Suma Ribeira levará ao próximo pleno unha iniciativa cunha serie de medidas para garantir un entorno o máis favorable posible para os pacientes ingresados por tempos prolongados no hospital, dados os efectos adversos que a hospitalización produce sobre o estado emocional destes pacientes, tales como cambios de ánimo, ansiedade, apatia, sensación de inseguridade e nalgúns casos estados de axitación e incluso psicoses ou estados de confusión mental, segundo recoñecen os propios profesionais da saúde.

Estudios realizados polos propios hospitais, universidades ou sociedades cientificas en distintos países coinciden en destacar as consecuencias negativas que os ingresos hospitalarios poden producir sobre as persoas, incluso naqueles casos nos que o seu estado xeral é adecuado e cómo poden influir na evolución da doenza. Estes efectos, ademais, poden producirse a calquera idade, aínda que son máis frecuentes na infancia e en pacientes de idades avanzadas.

Hai que ter en conta, explican dende Suma Ribeira, que a persoa hospitalizada se atopa fóra do seu entorno social e das súas actividades habituais, tanto laborais como de ocio, e pasa moitas horas soas ou en compañía doutros doentes cos que non sempre é posible interactuar.

Para esta organización, non é de recibo que ante esta realidade, a política que dende hai anos vén aplicando a Xunta de Galicia nos centros sanitarios públicos consista en cobrar pola utilización da televisión nos cuartos dos pacientes, e aínda máis se temos en conta que o custo da mesma é bastante elevado e moita xente non pode pagalo.

Xa no ano 2020 a Xunta deu orde de proporcionar televisión gratuíta en todos os seus hospitais, dada a restrición de acompañantes dos pacientes, recoñecendo tacitamente o beneficio que pode ter dispoñer dalgunha forma de entretemento. Porén, esas instrucións ou ben non se seguiron en todos os hospitais da rede pública ou ben foron anuladas na medida en que se foron normalizando os acompañamentos.

Ante o exposto, Suma Ribeira reclama:

1.- Que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galicia a que proporcione televisión gratuíta a todos os pacientes ingresados no Hospital do Barbanza.

2.- Que sexan dadas instrucións aos responsables da Biblioteca Municipal de Ribeira cara á preparación de programas de achegamento de recursos culturais ás persoas que se atopen internados no hospital.

3.- Que o Concello de Ribeira faga as xestións oportunas coa Xerencia do Hospital de Barbanza e os concellos da bisbarra para a implementación permanente destes programas de dinamización cultural, e de entretemento en xeral, para os pacientes.

4.- Instar á Xunta de Galicia á programación e potenciación de programas de entretemento e dinamización integral das pacientes nos hospitais, con especial atención as persoas que potencialmente presentan maior risco de vulnerabilidade.