Suma Ribeira esixirá no próximo pleno que se rectifiquen as afirmacións feitas polo concelleiro do PP Víctor Reiriz na sesión do pasado 27 de xuño, nas que viña a acusar ao voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, de ser o responsable das “malas herbas” que tapan media estrada do camiño veciñal da Pedrosa, en Carreira.
Ferrón, a través do rexistro dun Rogo, solicita que se deixen claros os feitos con toda a obxectividade e datos contrastables ou se lle permita tomar a palabra para presentalos sen sesgos nin a manipulación interesada na que incurriu o concelleiro do PP, co obxecto de que este corrixa as súas palabras e o dano feito inxustamente tanto a esta organización politica como á familia do seu portavoz.
Cómpre lembrar que Xurxo Ferrón abandonou a sala durante o debate da iniciativa sobre o arranxo do dito camiño, coa conseguinte indefensión e dereito a réplica ante unhas declaracións que non transmitiron a realidade, pois o voceiro de Suma lembra que no momento no que construíu a súa vivenda, lindante co camiño obxecto de debate, cumpriu coas indicacións feitas polo concello e depositou a fianza presupostada para asegurar a urbanización dese entorno, fianza “que nunca foi devolta nin reclamada pola propiedade”.
Para Ferrón, non é de recibo que Reiriz omitira este dato tan relevante cando fixo a súa alusión directa ao concelleiro de Suma nos seguintes termos: “ Xurxo Ferrón fixo un retranqueo de dous metros e pico… no futuro, as ordenanzas deben recoller que cando se fai retranqueo debe repararlo a persona que cede… e non teriamos este problema agora, que ao quedar con terra e onde nace máis maleza… as herbas inclínanse e tapan media carretera”.