Incendios Forestais

Cada vez que se producen vagas de incendios, porque incendios hainos todos os anos, xérase na opinión pública un debate no que todas, por diferentes razóns, nos achamos concernidas. Os medios informan? promoven debates, publican artigos, opinións (interesadas moitas veces e outras que adoecen dunha mínima reflexión). Chegadas as choivas esquécese o tema ata que volva resucitar na vaga seguinte. É obvio que ao común da xente, máis alá das pestes que botan contra os incendiarios, as mafias do lume (que ninguén demostrou que existiran) e a preocupación pasaxeira pola desfeita e polas persoas afectadas o problema queda esquecido en canto o lume se extingue.

Mais alá das causas que manexan os opinadores sobre por que se producen os incendios (cambio climático – cada vez máis presente como causa, cando hai uns anos se negaba, polos que agora se aferran a el como a un cravo ardendo- , abandono do rural, estrutura da propiedade, falla de medios para a extinción -que nos digan cantos medios se necesitan e canto custarían-, os negocios do lume… (non negamos que as causas que reflectimos teñan a súa influencia, para que conste); cremos necesario un debate sobre por que chegamos á situación actual e para iso é necesario facer un pouco de historia.

Rematada a Guerra Civil, entre os moitos atropelos que se cometeron queremos destacar, no que atinxe ao tema que tratamos, a usurpación dos montes comunais en man común aos veciños que comunitariamente, durante xeracións, exerceran o seu usufruto. A propiedade pasou aos Concellos, xa no Catastro do ano 1959 aparecían como propietarios.

No ano 1942 iníciase a Repoboación Forestal a base de piñeiros e eucaliptos, modifícase o territorio de Galiza que ata esa data tíñao perfectamente ordenado. A harmonía no rural conxugaba a explotación agraria, o aproveitamento forestal, o pasto para o gando, os recursos hidráulicos… Non había vagas de incendios.

Esta política de repoboación con especies foráneas e pirófitas afóndase coa creación do ICONA (pasa a xestionar os montes) e coa instalación de ENCE na parroquia de Lourizán.

Chegada a democracia, os montes comunais en man común son devoltos aos seus lexítimos propietarios pero a política forestal non mudou, unha política economicista e curtopracista fomentada dende o poder político para favorecer á industria pasteira e madeireira. Industrias que teñen ao seu dispor influencia política abondo como para que un Presidente do Goberno en funcións (Mariano Rajoy) amplíe en 60 anos a concesión dos terreos de Lourizán. Non é cousa menor que no Consello de Administración de ENCE figuren unha exministra de Medio Ambiente (Isabel Tocino) e o exconselleiro da Xunta do mesmo ramo (Carlos del Álamo).

No ano 1992, aprobouse o Plan Forestal Galego que facía unhas previsións de como sería o monte galego no ano 2032.

O Plan Forestal prognosticaba o seguinte: no ano 1932, 732.000 hectáreas de coníferas, 245.00 de eucaliptos, 218.000 de castiñeiros e 185.000 doutras frondosas.

A realidade é que no ano 2009, e segundo os datos do inventario forestal, o monte galego tiña:

400.000 hectáreas de coníferas, 26.000 de castiñeiros, 283.000 de eucaliptos (máis que o previsto para o ano 2032). Na actualidade o eucalipto supera as 330.000 hectáreas. Das outras frondosas (carballos, rebolos, bidueiros…) houbo un crecemento maior do esperado que se debeu, segundo os investigadores da USC Eduardo Corbelle e José María Tubío ao abandono do rural e a unha expansión natural á marxe de calquera xestión forestal.

Á vista dos datos, diminúen as coníferas, non se acadan os prognósticos a respecto dos castiñeiros, as frondosas medran á marxe da xestión forestal e o eucalipto a día de hoxe excede en 130.000 hectáreas o que se prevía para 2032.

No ano 2021, o Parlamento de Galicia aprobou, os días 23 e 24 de febreiro, o documento da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 co rimbombante título de “Cara á neutralidade carbónica”. Servirá para algo ou será papel mollado como o Plan do ano 1992?

Ata aquí, un resumo histórico do acontecido nos montes de Galicia. Crémolo necesario para poder opinar con coñecemento sobre o problema dos incendios.

Máis alá das causas que se manexan para tentar explicar as vagas de incendios que asolan o País, queremos poñer enriba da mesa unha causa que non se manexa moi habitualmente e que nós consideramos fundamental. Aproveitamos un aserto do botánico galego nado en Tirán e que desenvolveu a súa carreira profesional en Madrid, Santiago Castroviejo Bolívar: “… a gasolina está espallada polo País, só queda o despiste dunha cabicha, un lóstrego ou un tolo…”

Os opinadores, articulistas interesados, e mesmo opinións defendidas pola industria só teñen ollos para un anaco do aserto de don Santiago. Pousan a vista na cabicha, no lóstrego ou no tolo e obvian o fundamental, a gasolina.

Unha cabicha, un lóstrego ou un tolo (co significado que os galegos damos comunmente a esta palabra) nunca provocarían un incendio se non houber a gasolina que o fornece. Eis o substantivo, a gasolina.

A resposta política “á gasolina”, foi crear as brigadas forestais (as que dependen dos concellos, en moitos casos, creanse cando xa o verán vai minguando). As brigadas actúan maioritariamente na extinción e non en evitar os incendios. Investimos unha morea de cartos públicos en contratar medios aéreos de empresas privadas que viven do lume. Prevención ningunha. E mentras, o territorio devastado por uns incendios cada vez máis virulentos e que provocan en moitos casos a perda de vidas e facendas (vivendas e vidas rotas), inseguiridade dos que viven rodeados de “gasolina”, futuro negro como o rastro que deixan os lumes se non tomamos cartas no asunto.

O problema dos incendios é de todos nós, vivamos no rural ou nas cidades, teñamos ou non interese económico nos montes, porque é un problema de ordenación do territorio no que vivimos e debemos ter algo que dicir.

*Fotos autoría Oscar Corral_El País / Diario de Arousa / Marcos Creo_La Voz de Galicia

* Este artigo foi publicado no xornal O Barbanza

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: