Ribeira, 25 Xullo 2022.– Suma Ribeira defenderá no pleno de mañá martes unha nova iniciativa que ten por obxecto contribuir a pór freo ás construcións obsoletas que o único que aportan é feísmo urbanístico ao concello, como a construción telefónica situada na Praza do Rueiro de Palmeira e en Corrubedo.
Para Suma Ribeira, é fundamental iniciar os trámites necesarios para suprimir as ditas construcións e, no caso de que isto non fose legalmente posible, realizar as xestións necesarias para reducir en todo o posible as súas dimensións e impacto visual.
A través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira recoñece que algúns “espantallos urbanísticos teñen difícil solución a curto e medio prazo, pero tamén pensamos que nos últimos trinta e pico anos de gobernos municipais do PP (ou de AP), moi pouco se fixo á hora de executar solucións factibles que eliminasen ou paliasen algunhas desfeitas consolidadas na actualidade”.

Neste sentido, conscientes das complexidade que requiren algunhas actuacións, Suma Ribeira decidiu centrarse nalgúns exemplos concretos que si pensan se poden erradicar ou mellorar, e de forma urxente, para facer Ribeira máis atractiva e amable para a cidadanía. Trátase das construcións que no seu día tiveron xustificación para a cobertura dos servizos de telefonía e electricidade, pero que se permitiron levantar tamén sen un mínimo decoro.
“Dende Suma Ribeira cremos que actualmente poden ser suprimidas, trasladadas ou reducir significativamente o seu volume, pois presentan unhas dimensións inxustificadas e inxustificables coas solucións tecnolóxicas que se veñen desenvolvendo hai decenios, tanto no campo da informática como das infraestruturas que facilitan as comunicacións e o transporte de enerxías”.
A organización política fala concretamente das instalación que aínda perduran en Palmeira e Corrubedo.

“Pensamos que sería unha interesante e necesaria contribución ao restablecemento da harmonía da Praza do Rueiro de Palmeira actuar sobre a construción que unha empresa de telefonía posúe nesta praza, ocupando unha parte considerable da mesma”.
Seguindo a mesma liña, Suma Ribeira refírese tamén ás torres levantadas no seu día para apoiar infraestruturas de subministro de luz ou teléfono e que rachan as vistas, ás veces dende longas distancias, nomeadamente a situada a carón do emblemático e atractivo entorno do faro de Corrubedo, convertido recentemente en punto de partida do Camiño da Orixe.

Ante o exposto, a iniciativa rexistrada por Suma e que ficou pendente da orde do día do pasado pleno, proporá:
1. Iniciar os trámites necesarios para erradicar a citada torre situada preto do Faro de Corrubedo.
2. Iniciar os trámites necesarios para suprimir a construción citada situada na Praza do Rueiro de Palmeira. Sempre e cando esto non fose legalmente posible, realizar as xestións necesarias para reducir en todo o posible as súas dimensións e impacto visual.
3. Elaborar un plan de actuación a medio prazo, no que se contemplen as estruturas do tipo das dúas descritas que, en base ao seu negativo impacto na harmonía e calidade de vida, e na viabilidade das posibles solucións, aconsellen actuar na humanización do concello.
** Xuntamos:
Texto íntegro desta iniciativa
Texto da Proposición sobre Alugueiro Residencial que tamén entra na orde do día