Suma Ribeira defenderá no próximo pleno Programas de dinamización cultural e de entretemento para os ingresos prolongados no Hospital

Suma Ribeira levará ao próximo pleno unha iniciativa cunha serie de medidas para garantir un entorno o máis favorable posible para os pacientes ingresados por tempos prolongados no hospital, dados os efectos adversos que a hospitalización produce sobre o estado emocional destes pacientes, tales como cambios de ánimo, ansiedade, apatia, sensación de inseguridade e nalgúns casos estados de axitación e incluso psicoses ou estados de confusión mental, segundo recoñecen os propios profesionais da saúde.

Estudios realizados polos propios hospitais, universidades ou sociedades cientificas en distintos países coinciden en destacar as consecuencias negativas que os ingresos hospitalarios poden producir sobre as persoas, incluso naqueles casos nos que o seu estado xeral é adecuado e cómo poden influir na evolución da doenza. Estes efectos, ademais, poden producirse a calquera idade, aínda que son máis frecuentes na infancia e en pacientes de idades avanzadas.

Hai que ter en conta, explican dende Suma Ribeira, que a persoa hospitalizada se atopa fóra do seu entorno social e das súas actividades habituais, tanto laborais como de ocio, e pasa moitas horas soas ou en compañía doutros doentes cos que non sempre é posible interactuar.

Para esta organización, non é de recibo que ante esta realidade, a política que dende hai anos vén aplicando a Xunta de Galicia nos centros sanitarios públicos consista en cobrar pola utilización da televisión nos cuartos dos pacientes, e aínda máis se temos en conta que o custo da mesma é bastante elevado e moita xente non pode pagalo.

Xa no ano 2020 a Xunta deu orde de proporcionar televisión gratuíta en todos os seus hospitais, dada a restrición de acompañantes dos pacientes, recoñecendo tacitamente o beneficio que pode ter dispoñer dalgunha forma de entretemento. Porén, esas instrucións ou ben non se seguiron en todos os hospitais da rede pública ou ben foron anuladas na medida en que se foron normalizando os acompañamentos.

Ante o exposto, Suma Ribeira reclama:

1.- Que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galicia a que proporcione televisión gratuíta a todos os pacientes ingresados no Hospital do Barbanza.

2.- Que sexan dadas instrucións aos responsables da Biblioteca Municipal de Ribeira cara á preparación de programas de achegamento de recursos culturais ás persoas que se atopen internados no hospital.

3.- Que o Concello de Ribeira faga as xestións oportunas coa Xerencia do Hospital de Barbanza e os concellos da bisbarra para a implementación permanente destes programas de dinamización cultural, e de entretemento en xeral, para os pacientes.

4.- Instar á Xunta de Galicia á programación e potenciación de programas de entretemento e dinamización integral das pacientes nos hospitais, con especial atención as persoas que potencialmente presentan maior risco de vulnerabilidade.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: