Suma Ribeira condiciona o seu voto a favor do Plan de Obras e Servicios da Deputación (POS) a que cumpra o compromiso adquirido con esta organización de reservar unha partida aproximada duns 100.000 euros para acometer unha serie de obras prioritarias que melloren a accesibilidade e mobilidade en distintos puntos do concello.
Suma Ribeira mantivo un encontro co alcalde, Manuel Rivas, para facerlle entrega dun dosier froito dunha campaña feita entre veciños e veciñas, que aportou imaxes dos lugares onde hai maiores eivas, co obxecto de que se teñan en conta no futuro POS e que pasa por corrixir os accesos que non son accesíbeis en beirarrúas e pasos peonís, entre outras actuacións, dun xeito equilibrado, ademais, entre as distintas parroquias.
Para Suma Ribeira, é inexcusable para poder votar a favor o próximo mércores que se cumpran os compromisos adquiridos polo alcalde na dita reunión, na que asumiu as achegas expostas polo voceiro de Suma, Xurxo Ferrón.
Ferrón advirte de que o acordado implica que neste ano se realicen a inmensa maioría das obras propostas que non requiran de permisos doutras administración e se procurará solucionar as que si precisan.
En canto ás obras de nova creación, Suma Ribeira adianta tamén que “non nos imos deixar impresionar” porque na descrición de cada obra nova figure a palabra accesibilidade, pois é de supoñer que xa deben ser plantexadas con ditos parámetros, “o verdadeiro e real compromiso coa accesibilidade pasa por uns investimentos acaídos para a adaptación de infraestructuras que nestes momentos presentan eivas nesta materia”.