Suma Ribeira cualifica de “rocambolesca” a situación xerada co proxecto do novo Auditorio e o gasto desproporcionado que vai supor ás arcas municipais respecto do suposto orzamento inicial de dous millóns e medio de euros que, polo de agora, xa ascende a máis de catro millóns e ao que hai que sumar un novo capítulo -xa denunciado tamén no seu momento por Suma Ribeira- co desaxuste na previsión do seu equipamento.
Suma Ribeira lembra que no pasado pleno votou en contra dun crédito extraordinario de 75 mil euros para complementar a subvención da Deputación por importe de 300.000 euros, co que se faría fronte aos gastos de maquinaria, iluminación, etc da nova infraestrutura, por ser unha cantidade claramente insuficiente para as necesidades reais do Auditorio.
Na súa intervención, o voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, asegurou que, sendo austeros, o orzamento real do equipamento iría ao dobre desa cantidade, cando menos 750.000 euros, e explicou que o propio Preámbulo do proxecto recollía xa esa realidade, recoñecía eufemisticamente que a previsión feita non sería suficiente.
Para Suma Ribeira, non é de recibo que logo dese debate, o pasado luns o alcalde, Manuel Ruiz, recoñecera aos grupos políticos municipais que esta formación política levaba razón e que, posto en contacto coa empresa responsable do proxecto, esta confirmou que debía incrementarse a dotación inicial de recursos e, por tanto, o seu custe.
“Ademais de que isto xa se vía a nada que se lera con atención o escrito do presuposto, non parece moito esixir que o Alcalde xa tivera aclarado o tema coa empresa adxudicataria antes de levar o tema ao Pleno”, afirma Ferrón, que xa advertira do debate, por exemplo, de que a iluminación prevista, con 16 focos, era “moi cutre” e de precisarse uns 70 focos -Rianxo, por exemplo, conta con 71 e Noia con 65- o custe sería duns 139.000 euros máis.
Sobre a maquinaria, o voceiro de Suma Ribeira explicara que cada barra motorizada de elevación custa 5.175 euros, estando previstas só 4, cando en Noia ou Rianxo, por exemplo, hai 24, polo que de ser necesarias 24 barras máis suporían un incremento doutros 80.000 euros no orzamento.
Suma Ribeira lamenta que, máis unha vez, Manuel Ruiz estea tentando enganar á cidadanía sobre un proxecto que hai ben tempo que se lle foi das mans e que vai supoñer un forte impacto nas arcas municipais, pois o propio alcalde recoñeceu tamén no pasado pleno que calquera alza sobre o orzamentado na subvención nominativa solicitada á Deputación vai ter que asumila o concello.
Lamentablemente SR tamén debe dicir que este Auditorio Municipal, con importantes problemas dende o seu inicio, vai seguir sorprendéndonos ata o mesmo día da súa inauguración. “Temos dúbidas razoables sobre se todas estas radicais modificacións orzamentarias tamén están supoñendo realmente unha sorpresa para o Equipo de Goberno”.
Dosier de prensa: