Suma Ribeira levará a pleno unha iniciativa parar reclamar que se adopten as medidas necesarias para acadar o maior consenso no uso e difusión dos símbolos gráficos oficiais do concello, nomeadamente do seu topónimo: Ribeira.
A proposta a debate inclúe que, no prazo máximo de tres meses, sexa presentada ao pleno unha moción na que se decida a simboloxía a seguir referente ao topónimo Ribeira en todo tipo de actuacións da corporación municipal, equipo de goberno e alcalde.
En tanto a citada moción non sexa debatida e votada, Suma Ribeira -a través desta proposta- quere instar ao alcalde e goberno municipal a que interrompa os orzamentos na difusión do topónimo sen o “be” que está tentando “consagrar pola porta de atrás”, sen o debido debate e consenso por parte de todos os grupos da corporación.
Suma Ribeira lembra que durante moitos anos foron abondosas as discrepancias sobre se o topónimo do concello debía escribirse con “B” ou con “V”, malia que se trataba dun conflito Lingüistico artificial, baseado máis en “emocións” que na realidade científica, que establece como único topónimo filoloxicamente recoñeceido e, por tanto, de uso obrigatorio Ribeira, con B.
Malia esta realidade, Suma Ribeira recorda tamén cómo o alcalde, Manuel Ruiz, facendo uso das amplas atribucións que lle outorga, a máis de outras, a “Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local”, decidiu “investir” diñeiro municipal na elaboración dun estudo pola Real Academia Galega.
Os resultados do dito estudo foron presentados nun acto solemne o 3 de marzo de 2020 e o único topónimo recoñecido, en base a estudos realizados ao longo da historia segundo criterios de consenso na filoloxía, é RIBEIRA. No citado acto, sen embargo, decidiuse situar na mesa unha maqueta na que non pon RIBEIRA, senón RI#EIRA, co que o alcalde deu por solucionado o aspecto legal, por unha banda, e contentou, por outra, aos “uvistas”.
Suma Ribeira denuncia como, dende entón, progresivamente, «tivemos que contemplar como se estaba investindo diñeiro e horas de traballo na opción unilateral de espallar polo concello e medios de comunicación o grafismo “RI#EIRA”. En SumaRibeira non acertamos a relacionar esta actuación co que escoitamos con asiduidade por parte do goberno municipal referente á continua chamada ao consenso de todos os grupos da corporación”.
Para Suma Ribeira, esta política de “consagración pola porta de atrás” do topónimo sen “be” nin“v”, como se pode ver mesmo estes días coa campaña do CIM de cara ao 25 de Novembro, pode prantexar os seguintes problemas, e de aí a necesidade dunha moción como a que vén de rexistrare esta formación política.
– Que acontecerá o día que por avatares democráticos saia elixida unha alcaldesa ou alcalde cun equipo de goberno en desacordo coa simboloxía e maneira de proceder seguida para“institucionalizar” o grafismo RI#EIRA?.
– Que custe económico para o concello tería nese caso a decisión tomada por “consenso” entre o alcalde e o equipo de goberno?
– Que custe en impacto publicitario podería ter reimplantar un novo deseño para o noso topónimo?