Suma Ribeira amosa a súa preocupación polos danos que pode xerar o paso dunha das etapas do Rally Ribeira-Ría de Arousa pola zona perimetral do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, unha zona protexida polo seu valor paisaxísito e ecolóxico que se verá afectada pola contaminación acústica, gases contaminantes e a alta densidade de persoas que se prevé acudan a ese tramo para seguir a carreira.
Suma Ribeira lembra que xa amosou o seu rexeitamento en Pleno á proposta dunha modificación orzamentaria para dotar a esta proba dunha axuda de 20.000 euros, sorprendéndonos que o Equipo de Goberno apostase por unha actividade que degrada o Medio Ambiente, ademais de non propocionar a información necesaria sobre o retorno económico que vai supor para o concello nin sobre o trazado; temendo que se poidera dar o caso de que, como agora se confirma, tivese un efecto moi negativo na contorna natural do municipio.
O rally, que se celebrará esta fin de semana, en xornadas de sábado e domingo, inclúe unha proba cun tramo que transcorre durante aproximadamente un kilómetro pola zona perimetral do Parque Dunar, dende o lugar de Goda, na parroquia de Artes, ata as inmediacións do edificio do Centro de Interpretación, e de alí desviase cara o parque periurbán de San Roque, subindo bordeando o Monte da Cidade.
Para Suma Ribeira, resulta evidente que o trazado previsto non é o máis idóneo para preservar o que é unha das xoias do patrimonio natural do concello. Consultados expertos ornitólogos comentáronnos que incluso se avistou nestes días un voitre, precisamente durante a temporada de paso da cola de aves migratorias, “polo que dende Suma Ribeira cremos que este percorrido amosa desconsideración pola flora e a fauna do Parque Natural”.
Dosier de prensa: