O primeiro pleno ordinario deste novo período de sesións tras o parón estival comeza, de novo, arrastrando temas da orde do día para o seguinte debate. Incidentes como acontecido o pasado luns respecto da votación dunha iniciativa en contra dos recortes nos centros de ensino de Ribeira, dende logo, non axudan ao discorrer normal da xornada.
Suma Ribeira acudiu a este pleno con dúas proposicións, unha froito das demoras que comezaron a se producir antes das vacacións, a relativa ao Equilibrio Orzamentario entre novos equipamentos e mantemento de infraestructuras xa existentes, e outra sobre medidas para o Cumprimento de acordos plenarios e axilización de tempos para as respostas escritas.
O debate só permitiu a defensa da primeira delas, que foi aprobada co respaldo de todos os grupos agás o PP, que non só a rexeitou senón que presentou unha emenda de substitución na que o voceiro de Suma, Xurxo Ferrón, nin quixo entrar, por desvirtuar totalmente o sentido do que estaba a defender e pretender negar a realidade corroborada pola maioría, a dun desleixo total na conservación de instalacións e equipamentos do concello que esixe de actuacións urxentes sen máis demoras.
Logo do respaldo e boa acollida desta iniciativa, fica pendente para o próximo pleno, a proposición relativa á implementación de medidas que garantan a transparencia sobre as actuacións levadas a cabo polo equipo de goberno para o debido cumprimento dos acordos plenarios.
Suma Ribeira, a través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, rexistrou esta iniciativa toda vez que as proposicións son o mecanismo legal que teñen os integrantes do pleno para facer achegas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
“Polo que o seu grao de cumprimento ou incumprimento -ao noso humilde entender- é indicativo da saúde democrática do goberno e, por extensión, de toda a corporación municipal, sobre todo en casos nos que o goberno no está amparado pola maioría, pois pode entenderse que o resto dos grupos son cómplices da desidia do equipo do rexidor”.
Para Suma Ribeira, é igualmente grave a demora nas respostas escritas dirixidas ao acalde para contestar persoalmente ou en sesión plenaria e, especialmente reprobable, que coincida o incumprimento dun acordo máis a falla de resposta en tempo razoable e legal a unha pregunta rexistrada por un concelleiro/a.
“Transcorrido máis do sesenta por cento do mandato desta corporación, sen embargo, en Suma Ribeira temos o convencemento de que debe suspender sen paliativos a actuación do alcalde e equipo de goberno, tanto no referente ao grao de cumprimento dos acordos plenarios como no que atinxe ao nivel de resposta ás preguntas formuladas.”
Ante estes feitos, a través de proposición que defenderán no próximo pleno, piden
1.Que todas as integrantes da corporación municipal sexan informadas puntualmente das actuacións levadas a cabo pola alcaldía e equipo de goberno para o cumprimento dos acordos plenarios.
2.- Que no prazo máximo de tres meses, nun apartado da web municipal, en lugar preferente, figure información facilmente accesible sobre:
– Mocións presentadas polos distintos grupos municipais e enlace de acceso ao vídeo sobre o debate no pleno da mesma.
– Resultado das votacións sobre as proposicións e o voto dos concelleiros e concelleiras agrupados por grupos políticos.
– Grao de cumprimento actualizado das proposicións aprobadas, explicando as xestións e actuacións realizadas.
– No caso de haber proposicións nas que non se realizaron avances no seu cumprimento deberán xustificarse as razóns técnicas, xurídicas ou políticas que motivaron a falla de avance na súa execución.
3.- Que por parte da alcaldía e equipo de goberno, se proceda a responder por escrito dilixentemente ás preguntas rexistradas polas concelleiras para así ser contestadas. En todo caso, as respostas escritas non se demorarán máis dun mes,e, de non ser posible por razóns que o xustifiquen, procederase a notificarlle estas razóns á solicitante dentro do prazo citado.