Crónica dunhas contas (xa) anunciadas

“Todo o peixe vendido”. O pleno de orzamentos do pasado luns 20 de setembro celebrouse acorde ao guión previamente establecido polo goberno do grupo municipal do PP, liderado por Manuel Ruiz. É dicir, consumouse a aprobación dun pacto “contranatura” entre PP e PSOE para sacar adiante unhas contas que non só chegan tarde, senón que, ademais, non son as máis acaídas para as verdadeiras e prioritarias necesidades do concello de Ribeira e agochan, realmente, un acordo que vai permitir a Ruiz campar as súas anchas case ate o final da lexislatura, malia non ter maioría absoluta.

Non o dicimos nós, Suma Ribeira, dino os milleiros de veciños e veciñas que votaron a Suma, BNG e PBBI e que entre todos e todas suman só un concelleiro menos que a nova coalición entre populares e socialistas. É máis, habería que preguntarse cantos militantes e votantes do PSOE coinciden coa decisión dos seus representantes no concello, a de lle regalar a Manuel Ruiz a maioría ate o 2023, porque o “`pacto” escenificado entre ambas formacións non foi só un pacto para os orzamentos 2021, senón que foi un Protocolo de Actuacións para o desenvolvemento de accións conxuntas no período 2021-2023, como reza o documento ao que a nosa formación tivo acceso, malia que os implicados teimaran en negalo en todas as súas intervencións.

Por parte do PSOE, José Manuel Suárez Puerta baseou a súa estratexia en lucir mascarilla de cor vermello corporativo e en empregar o eufemismo “presionar” para tapar, supoñemos, a realidade vergoñante de lle ter regalado a Ruiz unha maioria que non tiña. 

Por parte do PP, Ruiz volveu facer da chantaxe, coa súa actitude desafiante nas formas, a súa liña argumental, co único obxecto de enlixar o debate e sementar ruido, lanzando a falsa acusación dun suposto encontro entre BNG e PBBI, do que non podía dar máis datos, para consumar a suposta “pinza” entre ambas formacións e boicotear así os orzamentos. 

Pinza BNG-PBBI

Foi, cecais, o momento máis tenso da sesión, malia que as saídas de ton foron xeneralizadas durante as máis de dúas horas que durou o debate, leitura de salmos biblícos por parte dos socialistas incluida. Logo de ter rematadas as intervencións de todos os grupos, Ruiz introduciu a súa acusación cando xa non había lugar a réplica, avivando os  ánimos dos concelleiros e concelleiras aludidos, que pediron retirara as súas palabras ou que as demostrara, ao que Ruiz respostou co simplismo de y tú más, “da mesma forma que vostedes din que eu teño un pacto co PSOE, eu digo que teñen unha pinza contra este goberno”.

Para o alcalde, máis unha vez, todo o que discrepe ou non vote a favor do que el dispón é culpable de todos os males que lle acontezan a Ribeira, está a “obstruír” e a dicir “non” ao progreso da vila, “unha boa ferramenta dialéctica -afirmou Xurxo Ferrón, en nome de Suma Ribeira- pero pouco seria do ponto de vista político”.

Ferrón reclamou argumentos máis responsabeis e lembrou que no ánimo de Suma Ribeira sempre estivo e estará facer unha oposición construtiva. Neste sentido, afeou a Ruiz que non se lle pode chamar diálogo a unha conversa telefónica protocolaria, o único convite que recibiron para facer algunha achega ás contas.

“Se houbera interés real en chegar a acordos -asegurou o voceiro de Suma- non chegariamos a este debate con 9 meses de retraso, coa única novidade do sorprendente acordo co PSOE e con só unha semana para o resto dos grupos para estudar o proxecto presentado”. 

Compromisos incumpridos

Do ponto de vista cuantitativo, Xurxo Ferrón recoñeceu que estes orzamentos son históricos, mais puntualizou que, por exemplo, “o proxecto, sen dúbida tan importante para Ribeira, como o polígono industrial, inclúe 8 millón de euros da venda de parcelas que aínda non se materializaron».

Asemade, criticou que non contempla unha planificación global e explicitada de investimentos de dotación de servizos básicos por parroquias; carece de compromisos concretos de investimentos para a supresión das beirarúas hostís á mobilidade que aínda abundan no concello; o  investimento en gasto social sigue a estar por debaixo da media provincial e a necesaria mellora do transporte público non é unha prioridade.

Xurxo Ferrón puxo estes puntos como eivas máis salientables das contas presentadas por dous motivos, porque para Suma Ribeira son necesidades prioritarias para o concello e porque existía un compromiso ao respecto delas froito dunha iniciativa, precisamente de Suma, aprobada en xaneiro de 2020, “casualmente só coa abstención do PSOE, que foi claramente incumprida”.

Para Suma Ribeira, tamén é pouco edificante para os cidadáns ver como, malia a súa incapacidade demostrada para o diálogo, logo de chegar ao pleno cos votos atados e ben atados e logo do espectáculo dado no debate, Manuel Ruiz  insista en acusar aos grupos de enrarecer o ambiente político ao tempo que afirma ter a man tendida para, desde xa, preparar os orzamentos de 2022.

«Por coherencia e normalidade democrática. A única anomalía democrática á que vostede fixo referencia en distintas ocasións sería que Suma Ribeira, neste contexto, do que acabamos de dar explicacións cremos que debidamente razonadas, votase a favor”, concuiu Ferrón.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: