Suma Ribeira afrontará o pleno extraordinario de orzamentos que se vai celebrar o próximo luns dende a crítica e as achegas que considera fundamentais para estas contas, pois considera que non son os orzamentos acaídos ás necesidades do concello e, sobre todo, son uns orzamentos feitos dende a falta de diálogo e transparencia esixibles a un proxecto desta envergadura, “o que supón unha falta de respecto total á oposición e, por ende, ao bo número de veciños e veciñas representados polos grupos que non participaron na elaboración dos mesmos”.
O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, lamenta que, máis unha vez, o alcalde do PP, Manuel Ruiz, pretenda enganar á cidadanía e “enlixar” a vida política acusando a quen se opón a estas contas, feitas con “nocturnidade e alevosía” da man do grupo do PSOE, de “boicot”.
Ferrón lembra, ademais, que o pacto cos socialistas vai máis alá dos orzamentos para o vindeiro ano, é un “PROTOCOLO DE ACTUACIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE
ACCIÓNS CONXUNTAS NO PERÍODO 2021-2023”, do que ficaron excluidos Suma Ribeira, BNG e PBBI, malia sumar un concelleiro menos que PP e PSOE xuntos.
A única opción a participar nas contas de 2021 que se deu ao resto dos grupos, alomenos a Suma Ribeira, foi -segundo explica o seu voceiro- a través dun contacto telefónico, «cos orzamentos xa case pechados, no que Manuel Ruiz explicou que os Orzamentos eran unha estrutura complexa de difícil encaixe, pero que se tiñamos algunha achega concreta que se poidese incorporar no conxunto sen necesidade de facer cambios importantes que lla fixésemos chegar, sempre que de ser aceptada estivésemos en disposición de absternos ou incluso votar a favor das Contas no pleno. Todo o peixe vendido entre o PP e os socialistas”.
Para Suma Ribeira, esta conversa é unha mostra máis do talante e do “xeito de facer” de Ruiz, é dicir, da súa incapacidade demostrada para o diálogo e chegar a acordos e da súa práctica da “chantaxe”.
Neste sentido, lamentan tamén que na rolda de prensa de presentación dos Orzamentos volvera empregar o argumento de que se os grupos “os rexeitabamos seriamos responsables de todos os males que caesen sobre Ribeira”, ademais das acusacións de “boicot”.
Cómpre lembrar que esta rolda de prensa, ademais, se produciu logo de ter escenificado ante os medios de comunicación o pacto co PSOE e ter feito pública a posible data do pleno, saltándose todos os cauces institucionais e regulamentarios propios da acción de goberno e da presentación dun proxecto tan importante como o dos Orzamentos, que os grupos non coñecimos formalmente ata o día 9, case unha semana despois da “foto PP-PSOE”.
Dende Suma Ribeira, sempre defendimos e seguiremos a defender uns Orzamentos transparentes e participativos, con prioridades claras e obxectivables das actuación máis necesarias para o ben común.