Ética e Estética

O atractivo dun pobo non o marcan só as confluencias ocasionais das forzas da natureza que crearon un entorno xeográfico de certo encanto e atractivo para os ollos de propios e foráneos. Tamén o ser humano ten a facultade de crear ou potenciar a beleza do entorno no que vive facéndoo máis acolledor, máis amable para as persoas que o habitan e máis desexable e incluso máis rendible economicamente ao ser un punto digno de ser visitado.

O que fai un pobo non son as individualidades de certas persoas, homes ou mulleres, por moi extraordinarias que sexan: un gran arquitecto, un gran empresario, un gran deportista, un gran alcalde… O que realmente fai un pobo é ter un gran proxecto común onde todas e todos nos sintamos partícipes del e teñamos claro que o noso esforzo está a servir para beneficiarnos todas dunha maneira ou doutra.


É innegable que ata o de agora a conformación da estrutura urbanística da nosa cidade e parroquias, é dicir, de todo o Concello, é un bo proxecto do mal facer ou do deixar facer.

Se facemos unha análise cronolóxica do que nos levou a esta situación podemos comezar, dende a miña opinión, alá polos principios dos anos setenta, anos de bonanza económica coa influenza de cartos da emigración, a navegación e a pesca. Como consecuencia desa abundancia creceron as empresas bolsistas e a partires de aí comezaron a proliferar os negocios especulativos sobre todo o da construción e outros de cuxo nome non quero acordarme.

Comezouse pola reforma da fachada marítima onde ata ese momento se atopaba a frenética actividade empresarial: fábricas de conservas, almacéns, talleres… Casualmente algunha destas fábricas ardera, e alí, nesa fachada perpetrouse e perpetuouse a primeira desfeita urbanística, o gran edificio da caixa de aforros. Logo converteron o antigo edificio do concello nun búnker de cemento que despois foi remodelado varias veces para intentar tapar tal espantallo. Seguiron con todo tipo de edificacións en calquera tipo de parcela sen o mínimo de ética urbanística e, por suposto, sen un ápice de estética nin harmonía.

Froito tamén dese vórtice económico para beneficio duns poucos, perdemos a estética dos barrios de arquitectura mariñeira de Bandaorrío e Palmeira. Apenas quedan algúns exemplos e outros son híbridos ou fagocitos da arquitectura nova, que non moderna, coma no caso do barrio das chamadas “casas baratas” que perderon todo o seu encanto ao permitir como reformas para mellorar a habitabilidade unha anarquía de construcións sen unha harmonía estética entre elas, gran erro do Plan Urbanístico, quedando como símbolo da vergoña algúns dos arcos de pedra que as caracterizaban.

Mais agora, nestes momentos, e corroborando as miñas verbas, intentan maquillar a desfeita urbanística anterior coa chamada humanización do entorno, facéndoo máis accesible á cidadanía motivado, tal vez, por influencias externas da arquitectura, neste caso moderna pero con total ausencia de actuacións encamiñadas a paliar os casos máis rechamantes de feísmo e mal facer e sen unha mínima esixencia de conservación dalgunhas propiedades privadas.


Paréceme ben, aínda que primeiro malgastaron en pedra, unha nova estética para a cidade. E as parroquias, que? As parroquias, aínda que estean no rural, necesitan coidados e unha estética axeitada: a limpeza do entorno, camiños, rúas e beirarrúas cheas de maleza, núcleos de casas rurais en vías de desaparición, casas e fincas abandonadas, edificacións de nova construción a medio facer, sen rematar e abandonadas, vertedoiros incontrolados de lixo e cascallos de obras, sen controlar; falta de tecido social que poda utilizar as infraestruturas municipais, falta de coidados permanentes da riqueza etnográfica: fontes, lavadoiros, cruceiros, castros…, monumentos naturais:  pedras, árbores, ríos…

Sería necesario deseñar un proxecto co compromiso e coa aportación de todas e todos e habilitar as medidas necesarias contra o feísmo, para un urbanismo ao servizo da cidadanía, para que a nosa cidade sexa digno referente dun concello ben estruturado. Iso si que sería facer pobo.

Artigo do compañeiro Manuel González que foi publicado en barbanza.gal

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: