Club de Remo, un debate con ruído

Comezamos esta semana co horizonte dun mes de Xullo que remata en algo máis de dez días co último pleno deste período, alomenos pleno ordinario. Un balance rápido fainos lembrar sesións lamentablemente broncas pola nula capacidade do grupo de goberno para a negociación e o consenso, mais tamén polo enrocamento dalgunhas forzas, en moitos casos por pura estratexia dunha política que non compartimos, a de «ser os únicos, os mellores, os primeiros» na defensa dos intereses de todos e todas as veciñas de Ribeira; obxectivo último ao que nos debemos, alén de carreiras e «podiums».

Fica pendente de debate a nosa proposta sobre os Orzamentos Participativos, que se suma á orde do día do pleno do próximo día 26. Agardamos que, alén do sentido do voto, as posicións de todos os grupos fiquen claras, con argumentos nídios e axustados ao tema, non con reducionismos que sirven para o aplauso doado pero que alarman á xente e agochan o debate real sobre certas propostas. Non temos ningún interese en polemizar, pero certas simplificacións no discurso obrigan a desmarcarnos de implícitas acusacións de «obstrucionismo».

Falamos, concretamente, do ruído xurdido entorno á nosa abstención á emenda á totalidade do PP a unha proposta do BNG sobre as Instalacións municipais para os Deportes Náuticos, que acollerá ao Club de Remo. Ficamos francamente sorprendidos coa reacción que algunhas persoas nos fixeron chegar, contrariadas por non ter dado para adiante a un proxecto sobre o que, a día de hoxe, só temos unha certeza, que xa non se vai facer en Aguiño, tal e como defendimos as distintas forzas até o de agora, en consonancia cos intereses dos usuarios e usuarias do Club.

Tentamos dar cumprida resposta e, por se for o caso de non ter ao día a información sobre o futuro de ditas instalacións, voltamos preguntar no concello sobre o suposto proxecto a debate, o documento coa «previsión e memoria de gasto valorada» da que informou o alcalde durante a sesión e da que este grupo non ten constancia. Documento que reclamaremos por escrito toda vez que as respostas verbais nos confirmaron que, polo de agora, non hai nada pechado ao respecto salvo, como xa dixemos, a vontade explicitada polo rexidor, Manuel Ruiz, en Xunta de Voceiros, de que a ubicación xa non será en Aguiño.

Suma Ribeira, por tanto, non dixo nin dirá nunca Non ao Club de Remo, nin entorpecerá ou contribuirá nunca á súa demora, simplemente se mantén fiel:

– Á súa folla de ruta de tentar descentralizar servizos do núcleo da vila para dar equilibrio a todas as parroquias do concello

-Ao votado até o de agora e aos intereses expresados por usuarios e usuarias, que manifestaron sentirse cómodos en Aguiño

– Á súa praxe de ter todos os datos e elementos que permiten un xuízo responsable e acaído sobre un proxecto antes de votar a favor ou en contra. Non é o caso, polo momento, das Instalacións municipais para Remo. Do que se falou o pasado 28 de Xuño foi máis dun «desideratum» -que, como tal, Suma Ribeira estaba disposta a apoiar- que dunha realidade plasmada nun estudo e proposta técnica, debidamente orzamentada. Por desgraza, temos demasiado reciente a experiencia bochornosa do Auditorio como para cometer a torpeza de caer dúas veces na mesma pedra.

Foto La Voz De Galicia

Do mesmo xeito que non nos apuntamos un tanto nin vendimos como grande logro a nosa proposta sobre un Plan de dotación de Recursos Esenciais para o concello -que si foi aprobada- porque non é a nosa maneira de actuar e porque somos conscientes de que o seu respaldo foi un brinde ao sol, pois tanto o grupo do PSOE como do PP deixaron claro que era irrealizable, cremos que hai que ser igual de honestos e responsables con este debate tan importante, e explicar ben á cidadanía que o que se puxo enriba da mesa foi fume, foi comezar a casa polo tellado, discutir sobre unha partida orzamentaria (ben vía Crédito, para o BNG, ben vía Orzamentos para o PP) para un proxecto sobre o que non coñecemos aínda as características, renunciando, iso si, tras o fracaso do proxecto previsto en 2019 a conta da venda do Matadoiro, a que se manteña en Aguiño, por supostos problemas coa confraría.

Somos conscientes das deficiencias, precariedade, estado calamitoso do Clube, que coñecemos incluso de primeira man porque moitos membros de Suma Ribeira teñen familiares entrenando. Somos sensibles ás súas demandas e estamos certos de que urxe darlles unha solución, mais dende o rigor dos feitos e a responsabilidade política á que nos debemos ao estar a falar de cartos públicos. Estamos comprometidos, ademais, coa defensa e proxeción de todos os deportes, especialmente cos considerados minoritarios. Agardamos que con esta exposición fiquen despexadas todas as dúbidas, mal intencionadas ou non, ao respecto da nosa posición e sigamos loitando polo futuro do Club de Remo todas xuntas lonxe do ruído, ao carón dos feitos.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: