Resaca Plenaria

Bochorno. Iso é o que sentimos na pasada sesión plenaria, da que aínda nos estamos a recuperar. Bochorno e non porque por fin parecera que chegou o verán, con temperaturas abafantes, senón polo triste espectáculo ao que asistimos, tanto todas as que conformamos Suma Ribeira como calquera cidadán e cidadá que estivera a seguir os debates por streaming.

Ben é certo que a estas alturas da lexislatura e coñecendo como coñecemos o talante do grupo de goberno, nomeadamente do seu alcalde, Manuel Ruiz, xa nada ou case nada debía collernos por sorpresa. O pasado luns será unha xornada que lembraremos como un dos días nos que contribuimos a «escribir a política en minúsculas», como ben dixo o noso concelleiro, Xurxo Ferrón.

Efectivamente, non é unha estratexia nova por parte do PP a de tentar ningunear o traballo da oposición emendando con brindes ao sol boa parte das nosas iniciativas e facéndoo, ademais, coa táctica de apurar os prazos ou incluso non respectalos. Ferrón explicouno moi ben, agardar ata o último momento para rexistrar as emendas é legal, mais non responde á que debera ser unha boa praxe política, a de construír, a de buscar o diálogo dos grupos, a negociación para entre todas acadar as iniciativas que mellor dean resposta ás necesidades dos veciños e veciñas.

No caso concreto da proposición de Suma Ribeira, que foi rexeitada cos votos do PP e do PSOE, a «falta de respecto» cara este grupo e cara os cidadáns e cidadás é aínda maior se temos en conta que a data de rexistro é do día 23 de abril ás 14.02, mais ao noso concelleiro non chegou ata o mércores 28 ás 14.25, cando o pleno estaba previsto para o luns 26 (tivo que aprazarse por motivos de forza maior).

Falamos, ademais, dunha proposta, para nós, de vital importancia para garantir a convivencia en igualdade de todos os veciños e veciñas de Ribeira e minorizar, así, a privación de dereitos que supón para as persoas con distintas disfuncionalidades as eivas que existen, tanto na cidade como nas parroquias, en materia de accesibilidade e mobilidade.

«Coa nosa proposición procurabamos un compromiso de transparencia, obrigando a reflectir a porcentaxe do Presuposto anual adicado a Accesibilidade (non pedíamos unha cantidade concreta). e información sobre o grao de execución de dita partida». Nin máis nin menos, explicou con responsabilidade e humildade Xurxo Ferrón, quen aceptou politicamente a derrota mais coa tristura de ver como se perpetrou un auténtico «atentado» contra a mobilidade, que vai condear ou seguir condeando a moitas persoas a ver limitada a súa autonomía á hora de desprazarse polo concello.

Para Ferrón, é unha lástima que non se admita este exercicio de transparencia e de esforzo que pedía Suma Ribeira e, sen embargo, non se escatime en gastos en grandes obras novas que, seguramente, serán máis vistosas e agradecidas politicamente pero non para o día a días dos e das ribeirenses.

A argumentación do grupo de goberno, avalada polo PSOE, foi unha proposta «espiritual», como ben cualificou o noso concelleiro, polo seu carácter xenérico e porque, como mesmo se desprende da súa redacción, está a volver a reclamar que se poña en marcha e/ou actualice un Plan Universal que tiña que ter comezado en 2016 (2016-2026).

*Adxuntamos textos íntegros da emenda de substitución do PP, finalmente aprobada, e da nosa proposta.

Fábrica de Cerqueiras

A crispación por esta forma de facer política do goberno que preside Manuel Ruiz non se limitou á iniciativa de Suma Ribeira, senón que tamén protagonizou un agrio debate sobre a declaración BIC da Fábrica de Cerqueiras -a iniciativa do BNG- , rexeitada pola mesma vía de emenda «espiritual» de substitución.

Pedra de Santiaguiño e Itineraio

Máis sorte tiveron a posta en valor da Pedra de Santiaguiño e a protección da riqueza megalítica do concello, e, alomenos, nestas iniciativas imperou o sentido común e foron aprobadas, tanto a limpeza da Pedra (a iniciativa do PSdeG) como a adhesión ao Itinerario Europeo da Cultura Megalítica (a proposta do goberno).

Edar de Couso e Corrubedo

O concurso das depuradoras de Couso e Corrubedo trouxeron, de novo, a bronca ao debate. Suma Ribeira decidiu absterse co obxecto de non obstaculizar un procedemento administrativo a prol do beneficio dos cidadáns e cidadás, mais a situación do PP, cun concelleiro menos, fixo que non houbera acordo, o que o alcalde cualificou de «irresponsabilidade», anunciando iniciar as accións que os servizos xurídicos lle permitan contra os grupos que votaron en contra. Talante!!!!

Desafectacións

En canto aos expedientes de desafectación de diferentes enclaves, o noso concelleiro lamentou non ter a información suficiente das actuacións que se queren levar a cabo nin da previsión do incremento de gasto que van supoñer; con todo, tamén por un exercicio de responsabilidade, expresou o seu voto favorable ás correspondentes a Portos e a abstención ás correspondentes a estradas da Deputación e da Xunta.

Vacinación flota pesqueira

Aprobouse como último punto da sesión, que non da orde do día, unha inicitiva para a vacinación urxente da flota galega. Unha proposta que Suma Ribeira aproveitou para reclamar un traballo máis competente cando se detecten gromos da Covid nun barco, para evitar así «imprudencias sanitarias das que aínda estamos pagando agora as consecuencias». O grupo do goberno, máis unha vez, tentou emendar unha iniciativa que se ve lle incomodaba. «Mais se votar isto lles fai ilusión…. ala vostedes», dixo Ruiz e, coa mesma, levantou a sesión, da que ficaron pendentes, entre outros asuntos, a iniciativa de Suma Ribeira para a Planificación de dotación de Servizos Esenciais.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: