Suma Ribeira apoiou o Manifesto da Plataforma de Afectados e Afectadas polo peche da oficina de Abanca de Palmeira que, se nada o detén, se fará efectivo a partires deste mércores, día 19, mais lamentou a chantaxe do alcalde, Manuel Ruiz, que condicionou a celebración dun pleno extraordinario para abordar o tema antes desta data a que non interviran no mesmo os diferentes grupos.

Con esta leitura, a corporación municipal de Ribeira ponse do lado dos veciños e veciñas que levan días concentrándose en contra da medida da entidade bancaria, mais faino a través dun «paripé», afirmou o concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, quen pediu que constara en acta a discrepancia da organización co decidido en Xunta de Voceiros por maioría do PP e de PBI, pero non por unanimidade.
Ferrón explicou que, malia o carácter de «Declaración Institucional» e non do Pleno que realmente reclamaban os veciños e veciñas e que, por lóxica democrática, leva implícito o debate e as intervencións dos grupos, Suma Ribeira decidiu participar para poñer en evidencia, máis unha vez, todo o seu apoio contra dunha medida que vai ser moi perxudicial para as cidadás de Palmeira.
Dietas pleno
Non obstante, o concelleiro desta organización política rexistrou un escrito para renunciar á dieta correspondente á asistencia a pleno, pois reiterou que non sería coherente nin responsable politicamente cando ao que se asistiu, realmente, foi a unha leitura por parte do Secretario do concello.
Logo dun momento de tensión, no que o alcalde fixo amago de suspender o pleno e convocalo de novo o próximo día 31, cadrando co pleno ordinario: «Queren falar ou queren votar?», dixo, o manifesto foi aprobado por unanimidade.
Dimisión
Por outra parte, respecto do anuncio de dimisión da concelleira de Asuntos Sociais, Ana Ruiz, tras coñecerse a festa ilegal celebrada a pasada fin de semana nun local da súa propiedade, Xurxo Ferrón explicou que para Suma Ribeira é unha boa nova e a saída lóxica a unha «irresponsabilidade política» que non se pode xustificar dende o persoal e que, por tanto, esixe de medidas políticas.
Suma Ribeira deu unha marxe á concelleira para comparecer e dar conta do sucedido antes de pedir directamente a súa renuncia, polo que acollen con satisfacción a decisión anunciada por Ana Ruiz.