Ribeira, 17 de maio de 2021– Suma Ribeira insta á concelleira de Servizos Sociais a que, á maior brevidade, compareza para dar explicacións ou desmentir, de ser o caso, as distintas informacións publicadas sobre a celebración dunha festa ilegal en Bandourrío (Ribeira).
Suma Ribeira, a través do seu concelleiro, Xurxo Ferrón, cualifica de “lamentable” esta celebración “multitudinaria, ilegal e de alto risco sanitario”, coa que a concelleira está vencellada segundo as diferentes noticias que se coñecen até o momento.
Para Suma Ribeira, é imprescindible que a concelleira dea conta, canto antes, do sucedido, tanto se está convencida de que non tivo ningunha responsabilidade -“ou irresponsabilidade”- como no caso contrario, pois a gravidade dos feitos requiren das pertinentes explicacións para que poida seguir desenvolvendo as súas funcións de 2ª Tenente de Alcalde e concelleira delegada de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, cunha dedicación do 75 por cento.
“Esclarecer un suceso desta gravidade é un deber coa institución á que representa -engade o concelleiro-. A corporación e os cidadáns e cidadás merecen información sobre o acontecido e por iso a esiximos, ante os escasos datos oficiais aportados até o momento sobre a festa”.