1 de Maio

Vai aló máis dun ano dende que nos enfrontamos á maior crise global dos últimos tempos: a pandemia da Covid. A crise que amosou, mellar ca ningunha outra, a nosa febleza, pois non coñeciamos as armas para combatela e ninguén, ou case ninguén, estaba libre de ser vítima da mesma. A crise que nos puxo no noso lugar, os homes somos homes (e mulleres) e a natureza é a natureza, sabia e feroz a un tempo, en débeda cunha civilización que nos consideramos por riba das súas regras, que nos crimos imbatibles e fixemos (facemos) con e sobre ela ao noso antollo, ata que esta se rebela.

Coa enfermidade viñeron, sobre todo, as perdas de amigos, avós, pais, veciños. Tristes porque sempre son tristes, especialmente amargas pola soidade e terriblemente frustrantes porque puxeron enriba da mesa a ineficacia dun modelo de xestión sanitaria cada día máis precario ao tempo que comprobamos como o seu afortalecemento é cada día máis necesario.

E coa enfermidade viñeron tamén as familias na rúa, os peches de hostelería e comercio, as fábricas paradas, os ERTEs en agarda de ser cobrados, as axudas aos sectores afectados que non chegan, por escasas ou, simplemente, porque non están. Os Servizos Sociais desbordados, as unidades de saúde mental sobrepasadas… e un longo etc de danos colaterais dos que nada se sabe, ou se quer saber, pero que tardaremos anos en curalos.

O pasado 1 de Maio, se cadra, era prioritario dar as grazas máis que reivindicar; a todos os colectivos en primeira liña da batalla: persoal sanitario (todo o persoal sanitario, dende o celador ata o médico de máis recoñecido prestixio) mulleres (e homes) facendo horas nos supermercados; persoal da orde pública… mais este día 1 é a quenda destes mesmos traballadores, que seguen a sumar horas e estrés por culpa dunha sanidade pública mermada e precarizada a costa do medre da Privada, pero tamén das outras vítimas, das vítimas económicas da pandemia.

Os peches de negocios; ceses de actividade; a nosa xente do mar, motor económico da comarca que, como tantos autónomos e tamén contratados están a padecer a perda de poder adquisitivo; os ERTEs… deron a volta ao sistema laboral por motivos obvios mais tamén serviron de coartada, máis unha vez, para que os poderosos sacaran tallada da situación e deran unha nova volta de torca a uns salarios en caída libre, unha maior precarización, a necesaria revisión de convenios colectivos en pause e unhas cifras de paro que siguen a ser alarmantes e que afectan, como non, de xeito maioritario ao paro feminino.

Ribeira, con datos de marzo, tiña unha taxa de paro do 12,21 por cento. Ribeira ten industria, ten comercio, ten servizos, ten o mar… ten obxectivamente todo o necesario para ser un concello que medre en riqueza e benestar. Mais padece os males comúns do desemprego, a precariedade, a privatización de servizos… Por iso, dende Suma Ribeira, este 1 de Maio queremos volver alzar a voz para reclamar o que é, ademais, un dereito: traballo digno para todas.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: