Ribeira, 22 de Abril de 2021.- Suma Ribeira fixo públicas hoxe en rolda de prensa as alegacións presentadas ao PRUX do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, conscientes da necesidade urxente de protexer e conservar o entorno, mais convencidos de que esta conservación precisa de consensos entre as distintas forzas políticas, diferentes colectivos, veciños/as e afectados/as polas propiedades colindantes ao Parque.
O concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón lamentou, neste sentido, que durante o proceso de exposición pública do Plan non fose posible chegar a unhas alegacións consensuadas entre todas as partes, malia a petición expresa feita ao equipo de goberno que, segundo informou Ferrón, respostou que xa estaba o traballo o suficientemente avanzado.
Ante a situación, Suma Ribeira, logo dun proceso participativo coa xente, rexistrou un total de 6 alegacións, entre as que salientou a relativa á Canteira de Casalnovo, pois semella unha “incoherencia” co propio texto do PRUX, explicou o concelleiro, que se pase de puntillas sobre o impacto negativo da mesma no Parque e, sen embargo, si se fale do impacto que provocan outras instalacións industriais na zona.
Asemade, para Suma Ribeira, non é de recibo que “o poder político decidira, porque os técnicos si que falaron do tema -asegurou Xurxo Ferrón- que non apareza ningunha previsión sobre o tempo de concesión que aínda ten a canteira nin sobre o seu futuro peche”. De aí que a primeira alegación desta agrupación política sexa “que se utilicen todas as ferramentas legais para o cese definitivo da actividade o antes posible e que se proceda á restauración da zona”.
Xunta Reitora
Marián Santos, membro desta mesma agrupación política, tomou a palabra para reiterar a importancia de que se teña en conta a opinión de todos os/as veciños á hora de regular os usos do Parque e a necesidade de diálogo para que todo o mundo perciba este complexo como o que é, “un dos mellores espazos que ofrece o concello, que debe poder ser disfrutado por todos e todas por igual”.
Para garantir este diálogo, Santos referiuse a outra alegación de Suma Ribeira, que pide a ampliación da Xunta Reitora a todos os partidos políticos que teñen representación no concello, así como a diferentes entidades e grupos interesados.
Reclamou tamén que se inicie unha quenda de contactos cos propietarios para sondear a posibilidade de que as propiedades afectadas polas restricións poidan pasar a ser públicas e advertiu sobre o orzamento previsto para o desenvolvimiento do PRUX, “pois 10 millóns de euros para un Plan a dez anos, semella unha cantidade insuficiente”.
Día da Terrra
Por último, Manuel González, membro tamén de Suma Ribeira, lembrou que hoxe que precisamente é o Día da Terra “debemos esixir ferramentas para sensibilizar a todo o mundo de que o Parque é a nosa xoia da coroa, que debe ser protexida pero tamén pode ser aproveitada para obter unha rendibilidade para veciños e veciñas dentro da economía verde”.
Neste sentido, fixo referencia á alegación na que reclaman que se “elabore un estudo de viabilidade dun Plan Estratéxico que serva para reactivar e revitalizar a economía da zona e a creazón dun selo de excelencia de produto natural do Parque dunar”.
As alegacións de Suma Ribeira complétanse cunha suxestión para que haxa unha regulación específica de acceso ao duna que minore as restricións respecto dos visitantes que non son veciños das zonas colindantes e que a explotación do recurso marisqueiro do Río do Mar se faga ao amparo das Confrarías da Bisbarra e estea suxeita a un Plan de Explotación debidamente autorizado polas autoridades competentes na materia.