A Duna sen canteira

<<Nos escasos quince días concedidos para presentar alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (PRUX), non son poucos os comentarios críticos e reivindicativos que se deixan escoitar nos distintos medios de comunicación. A abordaxe de temas complexos, este sen dúbida o é, non se pode nin debe facer dun xeito sinxelo e rectilíneo, e aínda máis cando se propón o establecemento regrado de limitacións ao exercicio de actividades tradicionais ás veciñas e visitantes, así como limitación a dereitos das propiedades. A xustificación vén dada pola necesaria protección integral dun entorno excepcional de grande diversidade, riqueza e peculiaridades medioambientais. Inequivocamente, a súa cualificación e protección vén sendo avaliada pola comunidade científica dende hai xa moitos decenios nacional e internacionalmente.

Considero importantes e necesarios os debates, diálogos e negociacións sosegadas que deben preceder á imprescindible regulamentación dun espazo natural protexido. Mais isto, segundo o sentir xeneralizado, non se fixo. Aos responsables da elaboración deste PRXU, temos dereito a reclamarlles que uns mínimos de sensibilidade e pedagoxía acompañen o seu traballo. Ao meu entender, co amosado até agora, non os tiveron. Na miña opinión, é un ilustrativo e paradigmático exemplo de ausencia de obxectividade, equidade e coherencia política someter a exposición pública este plan de ordenación natural permitindo unha inxustificada omisión: A Canteira de Casalnovo.

A omisión no texto á necesidade urxente de iniciar un procedemento legal de erradicación e rexeneración da incompatile CANTEIRA, supón un menosprezo ao necesario equilibrio esixible no PRXU, que descarga todo o esforzo nas esixencias a moitas veciñas e veciños, solidario e xeneroso esforzo da cidadanía coa natureza. E supón alentar o sentimento de incomprensión e burla das persoas máis afectadas. É unha loucura por omisión premeditada. Eternizando unha causa de ocaso e menosprezo do Parque que semella ser intocable. Negando credibilidade á ferida. Alleos á necesaria busca da balanza e a razón do equilibrio no tratamento dos perigos reais e potenciais.

Mestura de ruídos atronadores escorrentadores de animais, unha marfallada de ferros, formigón, po e pedras esnaquizadas. Vergoña ambiental indisimulada. Fendedura no monte ferido. Atranco obxectivo para acadar mellor cualificación como Parque Natural. Desprezo político (de tan lamentable actualidade) ás achegas científicas. Obstáculo ao turismo de calidade. “Que cosa fuera – corazón- que cosa fuera, que cosa fuera LA DUNA sin cantera”. Con canteira nunca será un verdadeiro Parque Natural. Desculpas pola torpe filtración desta miña etapa de procura de apoio emocional en Silvio.>>

Xurxo Ferrón | Concelleiro de Suma Ribeira

Nos medios: https://obarbanza.gal/2021/04/a-duna-sen-canteira-xurxo-ferron/

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: