O Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un dos valores patrimoniais de máis riqueza cos que contamos. Unha boa xestión do mesmo é fundamental para a súa conservación e desfrute de todos e todas.
Nestes momentos, está aberto o prazo de exposición pública do Plan Reitor de Uso e Xestión do mesmo, un Plan que chega con 30 anos de retraso pero que se fai urxente e necesario para evitar o deterioro que segue a sofrer a duna e garantir a convivencia respectuosa entre turismo e veciños.
Dispor do Plan que o Parque precisa obxectiva e realmente, alén de intereses de parte que nada teñen a ver coa conservación do medio, é responsabilidade de todos e de todas; por iso, animámosvos a que botedes un ollo a través da web do concello www.ribeira.gal e/ou deixedes no noso correo as vosas ideas de cara á presentación de posibles alegacións.
O compañeiro Manuel González González fixo os deberes e esta é a súa achega.
Harmonía
Harmonía, palabra que pode resultar poética, pero tamén pode servir para definir a
intervención nun terreo de alto e sensible valor ecolóxico para poder rendibilizalo –
non explotalo- de maneira social, económica e cultural.
Refírome en concreto ao Parque Natural das dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. O próximo ano 2022 cúmprense trinta anos da conversión desta contorna de preto de mil hectáreas en Parque Natural. Naquel momento, a decisión causou unha grande preocupación entre a veciñanza, non exenta de polémica, polo efecto restritivo que impuñan as normas reguladoras de conservación do Parque.

Os propietarios dos terreos afectados, sentíndose agraviados nos usos e costumes no manexo do que era seu, mesmo formaron unha asociación para defender as súas propiedades. Tamén as zonas perimetrais víronse afectadas polas normas. Falouse dalgún proxecto urbanístico nas inmediacións da praia do Vilar ou do emprazamento dun cámping, xunto con límites á construción e a determinados usos que a veciñanza facía libremente no territorio, como a corta de xunco, de árbores de ribeira, limpa e estancaxe dos ríos, caza e pesca, uso de maquinaria. Todo isto, máis a libre circulación de animais salvaxe, algúns tan perigosos como o «paxaro da morte» que, segundo os máis supersticiosos, na casa que se pousaba á noite atraía á parca, foi creando un rexeitamento visceral que aínda perdura hoxe.
Estes días que está a exposición pública o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque
para quen queira facer alegacións ao mesmo ou propostas, eu faría a seguinte, dirixida
ao Consello Galego de Medio Ambiente, á xunta reitora e ao concello de
Ribeira: HARMONIZAR o territorio de tal xeito que se rendibilice o terreo para
que todos e todas as veciñas se sintan beneficiadas, partícipes e orgullosas de vivir
ao carón dun entorno idílico e natural coma este.
E como do idílico só non se come, habería que plasmar nun proxecto unha Marca Propia do Parque como selo de garantía das excelencias da produción que se faga. Iso si, tendo como valor engadido a economía verde ou natural, grazas a actividades que sexan compatibles coa contorna a protexer, como a apicultura, a extracción de resina, bosques comestibles, árbores microrizadas con setas, agricultura e gandeiría controlada e ecolóxica, turismo cultural e non masificado, obradoiros e charlas temáticas así como obras de rehabilitación do rural e unha che de cousas que poden revitalizar a economía da zona co amparo político e económico e a tutoría dos gobernos municipal, autonómico, central e europeo.
A arte de vivir en harmonía coa natureza significa vivir en paz coa contorna, cun mesmo e
coa comunidade global.